|
PERSOAXES
PIMPINELA. Rapaza bonita que tolea cos panos de coores.
A NAI. Vella lagarteira, que non se avén coa probeza.
O PAI. Velloucán con cara de testigo falso.
O MOZO. Rapaz novo, na edade de sentirse galo do mundo.
O VELLO. Carcamán namorado, no seu derradeiro esforzo.
MULLERES. Dez almas chuchadas pola marmuración.
A MORTE. Figuración do máis poderoso señor do mundo.
CORO. Rapaces e rapazas que saben cantar.
Tódolos rapaces levan careta, menos os rapaces e rapazas do coro.
ESCEA I
Fondo negro e chan negro. Aparece Pimpinela sentada, coa nai á súa dereita e o pai á súa esquerda.
A NAI: ¡Anda, Pimpinela! ¡Anda miña variña de abelao!
PIMPINELA: ¡Non!
A NAI: ¿Non reparas na que che espera se te casas con ese cuspe? Vivires nunha tarroeira como esta, andares coma min. Chegares do traballo feita un esterco, sen roupa que mudar, sen frescuriña para botares no xergón de casulo...
O pai tuse para impor respeto.
PIMPINELA: ¡Non!
A NAI: ¡Ai, meu caravel de cera! ¡Ai, como te deixaches rular por un pito cairo! ¡Ai de ti, se non te coutas! Andarás sempre co corazón enloitado, sen pan no forno, sen lume na lareira, sen estrume na corte. Mirrada de frío e chuchada de fame.
O PAI: ¡Faille caso a túa nai, Pimpinela!
PIMPINELA: ¡Non!
A NAI: Esvaeranse as coores que che pintou Noso Señor a mantenta. Deixarás de ser mazán e cereixa. Trocaraste nun figo merado. Coberta de remendos, torrada pola raxeira, a fuxires dos espellos para non verte. En troques...
O PAI: En troques, se lle pos cara ao señor Fuco...
PIMPINELA: ¡¡Non!!
A NAI: ¡Ti que dis, toliña! ¿Quen che cegou para non veres a regalía do mundo? ¿Quen che botou terra nos ollos? ¡Desperta!
PIMPINELA: ¡Non!
O PAI: ¿Qués ser un baldreu coma moitas?
A NAI: ¡Quérenche poñer brincos de ouro e ti qués piollos de miseria! ¡Quérenche dar onzas recortadas e ti prefires lixos do ar! ¡Ai, miña flor da gala, abre os ollos! ¡Xa quixeran as fillas dos máis principales!
O PAI: ¡Xa quixeran elas!
PIMPINELA: ¡Non!
A NAI: Terías unha casa de vinte fiestras e unha solaina; terías criadas e criados ao teu servizo; terías fartura de pan, de viño e de todo canto pode dar a terra.
O PAI: Dúas xuntas de bois e sete vacas.
A NAI: Arderían carballos enteiros para que a túa parrumeira botase fume e o señor Fuco cegaría coa túa fremosura.
O PAI: E todos sairíamos desta probeza.
A NAI: Arcas acuguladas de lenzo, almarios cheos de roupa, e ti a rir sempre coma se foses unha fidalga. ¡Anda meu luceiro!
O PAI: ¡E que diaño! O señor Fuco é un vello e cando lle chegue a súa hora, xa verás ti como chaman na túa porta os mellores mozos da parroquia.
A NAI: O señor Fuco é un home de ben e anda ceguiño por ti. ¡E valo desprezar, meu corazón!
O pai volve a tusir para impor respeto.
A NAI: ¿Serás quen de desbotares o consello de teus pais? ¡Unha filla tan boa coma ti...! ¡Deixa ese mozo, Pimpinela!
PIMPINELA: ¡Non!
A NAI: Boeno, miña filliña, boeno. Xa o pensarás mellor.
O PAI: ¡Xa o creio que o pensarás!
A NAI: Compara, miña filla, e cavila no que che espera con un e co outro. Dunha banda, o rir, e da outra, o chorar.
O PAI: O día e a noite. O pan e a fame. ¡Escolle!
Vaise a nai por un lado e o pai polo outro. Pimpinela fica sentada.
ESCEA II
Entra o mozo pola esquerda.
O MOZO: ¿E logo, Pimpinela?
Pimpinela, non responde.
O MOZO: ¿Seique che cortaron a língoa?
PIMPINELA: ¡Non!
O MOZO: ¿Por que non me falas coma decote?
Pimpinela engruña os ombreiros.
O MOZO: Andas na boca do mundo. ¿Será certo que che queren face-lo casamento co señor Fuco?
Pimpinela di que si coa cabeza.
O MOZO: Pero ti non podes cangar cun vellouqueiro, porque tes a ialma espiñada por un mozo. Tamén o mozo anda toliño, a contar estrelas polo teu amor. (Pausa.) Tráioche un pano con dous corazóns atravesados, que son os nosos... É moi bonito.
Pimpinela colle o pano sen miralo e gárdao no seo (é un pano do nariz).
O MOZO: ¿Lémbraste cando me deches o si? Foi o día de San Xoán. Arrecendías a malvas e a rosas, e a mazáns do Paraíso.
PIMPINELA: Arrecendería...
O MOZO: Tí tremías i eu tremía. E dende entón xa non houbo máis mozas para min, nin máis mozos para ti.
Pimpinela cala. Hai un silenzo.
O MOZO: ¡Dime que me qués, Pimpinela!
Pimpinela non responde.
O MOZO: ¿Non mo qués decir?
PIMPINELA: ¡Non!
O MOZO: Pero, ¿quésme? ¿Non si?
Pimpinela ergue os ombreiros en sinal de dúbida.
O MOZO: ¡Se fose rico, habíasme querer máis!
PIMPINELA: Non tiña por que quererche menos.
O MOZO:
Enfurruñado.
Eu teño a probeza dun mozo que pode chegar a rico e o señor Fuco é un vello con vermes no diñeiro. ¡Desprézasme por probe!, ¡por ser igoal a ti! ¡Está ben! Pois...
Se por probe me desprezas
eu non me asaño por eso.
Na feira todo se vende,
cada cousa no seu prezo.
PIMPINELA: Fala con tento.
O MOZO: ¿Entón non é certo que che queren vender ao señor Fuco? ¿Non é certo que che queren casar con el?
PIMPINELA: Casar non é pecado.
O MOZO: ¿E a palabra que me deches?
PIMPINELA: As verbas de amor non son sacramentos.
O MOZO: Pois... que ben che presten os cartos do señor Fuco. ¡Acabouse todo antre nós...! ¡Voume...! Mulleres coma ti hainas a moreas.
O mozo vaise por onde entrou; pero antes de saír vírase para darlle á moza unha derradeira despedida.
O MOZO
Dálle memorias ao señor Fuco e, cando te cases con el, ráñalle o lombo cun carozo...
Pimpinela fica sentada. Saca do seo o pano que lle acaba de dar o mozo, óllao ben e volve a gardalo.
ESCEA III
Entra o vello pola direita. O vello trai un envrullo debaixo do brazo.
O VELLO: Boas noites, Pimpinela
PIMPINELA: Boas noites, señor Fuco.
O VELLO: Veño da vila, ¿sabes?, e lembreime de ti. Tráioche un regaliño do teu paladar. Cativeces en comparanza co que che daría se quixeses.
PIMPINELA: Moitas gracias, señor Fuco; pero eu non me vendo.
O VELLO: ¡Ai!, rapaza, eu son moi probe para mercar a túa bonitura, porque non hai diñeiro dabondo no mundo para pagar o que ti vales. Eu tráioche cativeces, o que sei que che gosta; pero sen ánimo de magoarche. Coma se fose teu padriño...
PIMPINELA: Se non é con intención...
O VELLO: A intención de verche bonita, de que sexas a fror das romerías. Xa verás o que che traio... (Abre o paquete e saca un pano.) ¿Góstache, Pimpinela? (Saca outro.) Este tamén che acai ben. (Saca outro.) ¡Pois o que é este! (Saca outro.) Outro máis para que teñas en que escoller. (Saca un corte de seda.) Tamén quero que fagas unha chambra e como non sei o teu gosto... (Vai sacando cortes de seda en diferentes coores.) veleiquí tes en que escoller... Para que te luzas o día da festa. Para que sexas a moza mellor vestida da parroquia. Son cativeces...
PIMPINELA: É de máis, señor Fuco.
O VELLO: Pois se quixeras encher de ledicia os poucos días que me quedan e te aviñeras a cerrarme os ollos, na hora do meu pasamento, todo canto teño sería para ti.
PIMPINELA: Aínda son nova para casar.
O VELLO: I eu son vello de máis; pero estou namorado e teño azos para facerche feliz, a ti e mais a teus pais.
PIMPINELA: ¿E se son desgraciada?
O VELLO: Se tes a ialma limpa e o corazón ceibe, non probarás desventuras na miña casa. Eso non. Alí serás servida e folgada, en todo canto apetezas. E dispois... Cando eu morra, inda che quedarán anos dabondo para disfroitares do que eu che deixe, que non é un conto. ¡Son tan vello e tan rico!
PIMPINELA: ¿E o que digan de min as xentes?
O VELLO: Envexas, miña rula. Envexas de verche gardada do sol e do sieiro e da choiva. Envexas de verche libre de traballos.
PIMPINELA: Miña nai tamén quer...
O VELLO: E pois logo, ¿qués se-la miña dona?
Pimpinela di que si coa cabeza. Toda ela coberta de coores.
Cai o pano para muda-lo cadro..
ESCEA IV
Fondo verde e chan verde. Dez mulleres con ca- ras de asombro. O vello, afincado nun pau, fala coas mulleres.
MULLER 1ª: Pois desque te casaches con Pimpinela andas feito un mozo.
MULLER 2ª: Coma se che sacaran vinte anos do lombo.
O VELLO: Parecerei un mozo porque son feliz; pero non tardaredes en ir detrás da miña caixa.
MULLER 3ª: Aínda estás para levares a moitos por diante.
O VELLO: A morte anda conmigo dende fai algúns días.
MULLER 1ª: Esas son figuracións.
MULLER 2ª: O medo de deixares a Pimpinela.
O VELLO: Medo, non, tristura, ¿sabendes? Porque a miña vida cóntase por días ou cicais por horas. Eu ben quixera ter folgos dous aniños máis; pero non tardarei en comer terra. Avisoume a Morte, ¿sabendes? Ela mesma.
MULLER 3ª: ¡Asús!
MULLER 1ª: ¡Non digas eso!
O VELLO: Viña eu da vila, montado no meu cabalo, e ao pasar polo monte do Candán...
MULLER 2ª: ¡Ai, home!
As mulleres xúntanse e tremen.
O VELLO: Era de noite e na lagoa do crego espellaba o luar. De súpeto alvistei a un home grandismo, que viña cara min, alancando por riba da lagoa, sen chisca-la iauga.
MULLER 3ª: ¡Ai, home!
O VELLO: O pantasma púxose a camiñar á miña beira. Levaba un chapeu de azas caídas. Eu... estiven para zorregarlle un pau; pero coutoume o medo. E cando íamos baixando a costa pergunteille: "¿Que qués de min?". O pantasma sigueu camiñando sen chistar... Voltei a decirlle: "Se és unha ialma en pena dime o que podo facer para salvarche". Tampouco me respondeu.
MULLER 1ª: ¿E non sería algún mozo da parroquia?
O VELLO: Non, muller, non... Cando chegamos cabo da eirexa, ollei un corvo e mais unha pomba, e aquelo non me gostou. Entón o pantasma mirou para min e a lúa bateulle na cara. ¡Éravos a Morte! E faloume desta maneira: "Eu son o que che vai poñe-lo sangue frío como unha pedra; esa pomba é a túa vida e o corvo é o teu namoramento serodio. Prepárate, porque un día destes irei a buscarche".
TODAS:
Con arreguizos e persinándose.
¡Asús!, ¡asús!
MULLER 2ª
Con voz tremente.
¿E non traerías algún viño de máis no corpo?
O VELLO: Estaba tan espelido como agora: pero aínda voltei a recibir outros avisos, ¿sabendes?
MULLER 3ª: Non fagas caso, home... Poden ser figuracións.
O VELLO: Onte á noite, cando ía deitarme, batín cun corpo na escuridade e ao alcender un misto olleime a min mesmo, a rir, coma se me mirase nun espello. E dispois, cando quixen pecha-la fiestra, aparecéuseme unha man de difunto apegada nos vidros.
TODAS: ¡Asús! ¡Asús!
Baixa o pano para muda-lo cadro..
ESCEA V
O ángulo dun durmidoiro. Unha cama e, na cabeceira, unha fiestra pechada. Unha candea acesa enriba da mesa de noite. O vello está despíndose. Dispois a Morte e no remate Pimpinela. Ao lonxe canta o mozo:
Ela casouse cun vello,
¡non sei que estaba pensando!
O vello, funga que funga,
toda a noite está roncando.
O VELLO: ¡Roncar e fungar...! Sofrir, digo eu...
O vello rosna cousas que non se entenden. Sigue despíndose e, cando se queda en camisa e vai sacar os pantalóns, sopla a candea e o teatro queda ás escuras.
Aprovéitase a escuridade para meter no leito un moneco, idéntico ao vello, e cunha careta igoal á que el leva posta. O vello agáchase.
O mozo volve a cantar dende lonxe.
Dime casadiña nova,
cómo che vai de casada.
O meu home está moi vello,
non me sirve para nada.
Ábrese a fiestra, pouco a pouco, coma se a empurrasen dende fóra, e o luar vai entrando no durmidoiro, caendo enriba da cama. Aluméase a escea.
Aparece o moneco, a durmir, coma se fose o señor Fuco. Na fiestra asómase a Morte, a ollar o moneco, abalando as manxadoiras.
O vello, que se agachou, pega un pulo e ponse enriba do moneco. Bótalle as mans á gorxa e forcexea para afogalo. O actor que represente o vello imitará os estertores da morte que proveñen do moneco.
O mozo canta por terceira vez.
Anque che vexo casada,
eu non che perdo cariño,
que vas a quedar viuda,
e podo casar contigo.
Cando "morra" o moneco desaparecerá a Morte que axexaba na fiestra.
O vello adicarase entón a compor un cadro medoñento. O seu traballo acompañarase de risas estranas. O vello desfai o leito; guinda co moneco no chan; volve a deitalo na cama, coa cabeza pendurada e unha perna erguida sobor dos cabezales. O vello rise cada vez máis, amañando este cadro arrepiante.
Cando o vello remata o seu traballo, vírase cara o público e sácase a careta que leva posta, guindando con ela. Entón aparecerá demudado de Morte, véndoselle a caveira que tiña debaixo da careta de vello. Fuxe dispois pola esquerda, por diante do telón negro que cerra o cadro desta escea.
Entra Pimpinela pola direita, toda coberta de panos rameados, e cunha candea na man. Vai a deitarse.
PIMPINELA:
Ao ver o cadro.
¡¡¡Aaaai!!!
Baixa o pano para muda-lo cadro..
ESCEA VI
O fondo é un gran lenzo con moitas figuras pintadas. As caras das figuras son de verdade. Aparece Pimpinela vestida de loito e sentada. Enfocarase con moita luz a figura de Pimpinela, de xeito que o público non vexa o telón de fondo.
PIMPINELA:
Retorcéndose as mans.
¡Tantos panos rameados, tantas chambras de seda, tantas cintas do pelo como teño! ¡Tantas huchas de roupa fina que non puxen! ¡Tantos almarios de holandas en folla! ¡Todo gardado con chaves! ¡Todo! ¡Os anceios da miña mocedade dentro do peito! ¡O meu corazón agrilloado! (Pausa.) ¡Non abondou con ser a súa muller! ¡Pasar noxos e fasquías á súa beira...! ¡Permitir que as súas mans tocasen a miña carne...! ¡Chorar por el cando se foi para sempre! ¡Non; aínda teño que ser a viuda dun vello! (Pausa.) ¡E así un ano cos ollos no chan, vestida de doorosa! ¡Enloitada por un home que nunca quixen! ¡Enloitada como os corvos do monte! ¡Como os corvos! (Pausa.) ¡Ai, quen me dera locir os meus panos bonitos! ¡Entrar nas romerías vestida de maio, coberta de frores! ¡Amostrar as miñas galas! ¡E ser solteira outra vez! (Pausa.) ¡Ai, quen me dera falar co mozo que levo no corazón! (Pausa longa.) ¡Miralo tan siquera! (Pimpinela saca do seo o pano que o mozo lle regalara e fálalle con voz chorosa.) ¡Paniño cativo que tes catro puntas para magoarme! ¡Paniño branco que aínda non foches ao río! ¡Paniño que durmes sempre na lentura do meu seo! ¡Dille ao meu amor que teño soedades! ¡Dille que quero mirarme nos seus ollos! Dille que non baile nen cante, porque estou de loito...
Rompe a chorar e tápase co pano.
Nesto alcéndense as luces todas do esceario e rompen a cantar as figuras pintadas no telón de fondo, asomando caras de verdade polos ocos do lenzo:
Aquel amor que che tiña
era unha fror e murchouse,
i agora, Pimpineliña
o meu amor acabouse.
Tes chambras de raso, panos e refaixos,
tes medias de seda, tes zapatos baixos;
pero xa non tes o que tanto valía,
a mirada limpa que eu tanto quería.
Dispois do que me fixeches
xa non che teño afición,
cantan outros paxariños
dentro do meu corazón.
Tes chambras de raso, panos e refaixos,
tes medias de seda, tes zapatos baixos;
pero xa non tes o que tanto valía,
a mirada limpa que eu tanto quería.
Cai o pano
|