Os dous de sempre
(Capítulos II, XXVI, XXXI, XXXV, XLI e XLIV)
II
UN RAPAZ QUE SERÍA QUEN DE MANXAR A SEU PAI POLAS PERNAS
A tía Ádega, chea de alifaces, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo ós meniños de Farruco: un sobriño casado fóra da vila.
A probe vella mantíñase de peixes pequenos, dos peixes que mercan as señoras gordas para botarllos ó gato, e todo por aforrar para os fillos de Farruco.
En días sinalados a tía Ádega mandáballe[s] ós sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de tarta, melindres, zucre...
Farruco ben merescía as axudas da tía Ádega porque vivía feito un azacán; ¡el, que fora o mozo máis enfonchado da vila, por quen toleaban as mozas de máis porqué!
Casárase Farruco1 e axiña comezaran a choverlle nenos do ceo. O mozo, denantes algareiro e parrandista, trocárase nun limón estruchado polo traballo e as cavilacións. Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero compría moito pan para tantos peteiros abertos.
A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o probe pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amostraban o degoiro de comer. O probe Farruco chegou a decatarse de que as andorgas dos nenos endexamais se fartarían, e adicouse a traballar sen acougo, resiñado coa súa cativa sorte.
Cando chegaba o caixón da tía Ádega, os rapaces bailaban ó seu redor e non saían da casa antramentras o caixón non se baldeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa, era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.
Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegouse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertou das súas cavilacións.
¿De onde veu o meniño, papai?
E Farruco respondeulle, por decir algo:
Mandouno a tía Ádega no caixón das lambetadas.
E Pedro, dispois dun anaco de meditación, volveu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia:
¿E cando o comemos?
XXVI
A SOGRA QUE LLE CADROU EN SORTE A PEDRO
Pedro foi atrapado e casouse. A muller era laidiña, pero traballadora e cobizosa. Chamábase Filomena, como súa nai. Tiña un taller de costura e padecía do estómago.
A casa cheiraba a mexo de gato.
O casamento foi amañado pola sogra: unha viuda peituda que sempre falaba do seu home pousando a man dereita no molete esquerdo, a dúas coartas do corazón.
¡Eiquí o levo sempre. Eiquí!
E mesmamente parecía que naquel envrullo portaba o difunto.
Empeñábase en rir coa boca pechada, de puro remilgo, i era tan reparona en cousas de moral allea que chegou a ferir de palabra a unha veciña por andar amostrando unha radiografía.
Esa é unha escandalosa. Nin ten reparo en amostrar un retrato que lle fixo o médico, onde se lle marca todo, todo. ¡Con decir que se lle ven os ósos
!
Ende mal a siña Filomena tiña hestoria e a filla seique non era de matrimonio. Amiga de amparar amores alleos foino sempre, dende rapaza; i eu sei que a súa primeira obra realizouna nun galiñeiro. Velaí como sucedeu.
Non contaría máis de doce anos e xa se decatara de que o galo era o sultán e que tódalas galiñas eran [as] súas concubinas. No galiñeiro medrara un polo que quería galear, pero nin as galiñas lle daban tino nin o galo sería quen de consentilo. O polo tiña medo, mais ás veces esquecíase do galo e daba unha reviravolta namoradeira a rentes dunha galiña. A galiña corría en dereitura do señor, e velaí aparecía o sultán polainudo, a pedirlle contas ó polo. O galo viña tripando a terra con aire belicoso e o malpocado polo fuxía que voaba...
Agás de tanta honradez unha das galiñas era coqueta, pois deixábase face-la rosca polo galán novo; gustáballe que se esperguizase ó seu redor e poñíase escarolada cos agarimos; pero a churra coqueta e o galán tremían de medo.
A rapaza adicouse a protexer aqueles amores, e unha vez tapounos tan ben do galo que se cometeu, ás agachadiñas, un tremendo adulterio no galiñeiro.
O máis pior é que cando a rapaza chegou a muller sigueu amparando amores alleos, coidando que o mundo era un gran galiñeiro. E aínda aseguran que chegou a vivir deso...
O que xa non son faladurías é que viveu amachembrada cun vello empregado da Facenda pública e que se casou por miragre. Enfermara ela de tal maneira que todos pensaban que tiña os alentos contados, e para entrar no Ceo compría que se casase. O cura da parroquia petou na concencia do empregado e fíxose o casamento in articulo mortis; mais o conto foi que a siña Filomena reviveu. Por certo que o home dispois decía:
A miña muller é dura coma un croio. Unha vez estaba tan a pique de se morrer que lle puxeron catro sacramentos xuntos: o da confesión, o da comunión, o da estremaución e o do matrimonio... ¡E nin por esas!
¡Boa sorte lle agardaba a Pedro con semellante sogra!
XXXI
RAÑOLAS DESFAISE DAS PERNAS PARA CONQUERIR APARENCIAS DE HOME
Rañolas foi á cama de operacións coma quen vai cobrar unha millonada ó banco. El entregouse nas mans do sonado ciruxano don Lourenzo após de doarlle a súa hestoria e os seus anceios.
Agora está no leito, ceibe dos nembros entanguiñados, a roer doores con cara de risa. Don Lourenzo faille visitas, que non son de médico senón de amigo gasalleiro. Unha vez o ciruxano descobreulle que non hai Deus e Rañolas díxolle que xa o sabía. Outra vez confesoulle que para cortar dúas pernas cómpre menos sabencia que para facer unha mesa de noite, e Rañolas ademirou a sinxeleza do sabio ciruxano...
De par de Rañolas sofre un compañeiro que tamén recibe visitas garimosas de don Lourenzo, e polas trazas son vellos amigos. A vida do coitado váiselle arrofiando nas covas dos ollos, e un día o ciruxano torceu o bico... Aquela mesma noite o veciño de Rañolas pide socorro i entón aparece un crego para preparalo a ben morrer; mais o moribundo non quer confesión, e por moito que o crego se derrete para convencelo, el sigue refugando os acorros da caridade divina. E o esprito do doente aproveita os derradeiros folgos para decir con voz velaíña:
Non se enfade, señor; pero eu dinlle palabra a don Lourenzo e non lle podo faltar.
Rañolas veu morrer ó compañeiro e sen darse conta rezoulle pola ialma; pero axiña dixo para si, arrepentido da súa tenrura:
Esas son andrómenas.
E logo quedouse a dormir.
No hospital o tempo decorre para Rañolas antre doores e ilusións. O escrequenado xa se ve na reloxería, dándolle corda ós relós de parede e poñéndoos todos para que dean a hora ó mesmo tempo. ¡Boa familia para un home que se atopa soio no mundo! Rañolas óllase erguido nas pernas do baril militar de París, e un arrupío de felicidade percórrelle o corpo.
Na tarde do domingo velaí vén Pedro cun paquetiño debaixo do brazo, que pousa enriba do leito de Rañolas. Dispois séntase e fala:
Estouche sen durmir e sen comer. ¡Que rebumbio na casa! Saberás que por pouco a miña muller váiseme. Ela estaba de catro meses e a nai aínda non o sabía, porque ¡como ten un xenio tan endiañado! Onte estábamos a cear e de arrebato a miña muller rompe a carpir: ¡Ai, que morro! ¡Ai, que morro!. E morríase escoada se non chega o médico a tempo, porque foi pior que un parto, ¿sabes? Si, home, si; mesmo serraba o corazón de ouvila carpir, e total érache un meniño pequerrechiño.
Eso non é nada.
Ti moito falas, pero ¡hai que ver como está a miña sogra!
Rañolas abesulla o contenente agoniado de Pedro e non pode tronzar unha gargallada.
De alí en vante a conversa faise leda, e ó remata-la visita, cando Pedro vai polo meio da sala, chama Rañolas por el.
¡Ei, Pedro!
¿Que?
Que deixas eiquí este paquete.
¡Ai!, si, home. Xa me esquecía. ¡Ai, que cabeza teño!, porque é o meniño, ¿sabes?, que quedei de levarllo ó enterrador.
XXXV
DENDE A RÍA DE VIGO ÁS PAMPAS ARXENTINAS
O viaxe de Pedro pouco ten que contar. Embarcouse parvo de medo, cun esvaído sentimento de morriña que nin tan siquera desentoñou do fondo da súa carne a natural tristura das despedidas. O barco desviábase da terra e Pedro seguía co corazón no peito, inconscente, a mira-las gaivotas; dispois enfiou os ollos no ronsel que quedaba no mar e adormentouse debruzado na baranda de popa.
Para el a travesía non pudo ser mellor. Husmaba na porta da cociña o intre feliz da galloufa e ó saí-los caldeiros seguía detrás deles para tomar a dianteira. Na riola dos emigrantes sempre foi o prato de Pedro o que recebeu as primeiras culleradas, as máis graxentas.
Dispois, armado de caldereta, inda se colaba na ringleira dos polacos, a recolle-la estrana pistraca que lle daban.
O mar en calma, el a comer e durmir. ¿Que máis se podía desexar? Pero na hora do desembarco despertou á realidade, i entón si que a tristura das despedidas esguizoulle as entranas, porque neste punto secábase o teto e asomaban as orellas do lobo. Dende o barco escudrumou a barafunda de xente que bulía no peirán en espera dos emigrantes e o medo de non atopar a Manoel deixouno escoado, sen forzas para baixar.
Nesto sinteu que o chamaban i emborcóuselle o corazón na boca.
¡Pedro López! ¡Pedro López! ¡Pedro López!
¡Alá vou! ¡Son eu! ¡Alá vou!
Era un amigo de Manoel que recebira encargo de recollelo e de metelo no tren ó siguente día.
O tren enguleu planuras e mais planuras para chegar ó seu destiño e Pedro deixábase levar coma un embrollo faiturado. Dispois aínda tivo que coller outro tren que fuxía polos campos, escorrentando ovellas. E cando caíu nos brazos de Manoel, estaba máis morto que vivo; pero faltaban moitas horas de coche.
Cearon, durmiron e no abrente do día saen arreando polos camiños pampeiros.
A paisaxe non ten o ledo verdor das terras chans e abertas que Pedro alvistou dende o tren. O coche vai rolando, a tombos, por gándaras ermas e lombos areosos; baixa polas abas dun monte cuberto con herbas do demo para caer en tremedales de xuncos; gabea por outeiros con alfarrobeiras e corre por chairas tiñosas. Xa decorreron moitas horas de andadura a rolar por soedades e, no devalo do día, aparece un casal, alá no fondo, á beira dunha lagoa, espello morto de augas salitrosas10.
Aquela é a miña pulpería11 di Manoel. Eiquí non hai pan fresco, nin auga doce, nin sacramentos para a ialma; pero gáñase diñeiro.
XLI
RAÑOLAS AÍNDA VALE MÁIS COMO PROFUNDADOR QUE COMO RELOXEIRO
Rañolas era un home tan grande que con dous libros que meteu na cachola tivo dabondo para latricar de todo, e Pedro quedábase pasmado diante da súa sabencia. Os problemas máis ensarillados non tiñan segredo para el con tal de que lle desen tempo para profundar. A cada intre surdíalle nos miolos un pensamento profundo.
Tamén enchía libretas, e velaí unha mostra do seu enxeño de escritor: Nin Rei nin Presidente. Eu coido que o símbolo máis outo dun Estado democrático debe ser un cuño de ouro, adobiado con pedrerías de moito valimento. Esta alfaia gardaríase pechada nunha causela de prata, a imitanza das custodias de catedral que sacan en procesión os cóengos. A causela abriríase con tantas chaves como ministros tivese o Goberno, e cada chave sería unha insinia ministerial, de modo que xa non se falase de carteiras senón de chaves: a chave da Facenda, a chave da Xusticia
¿Que un decreto necesita o avalo superior? Pois xúntase o Consello de ministros, mete cada un deles a súa chave na causela e sácase o cuño para sella-lo documento. Supoñamos unha apertura de Cortes: sacarían a causela de prata, levada en andias polos maxistrados do Tribunal Supremo e custodiada por gardas dacabalo; as tropas presentaríanlle armas; as bandas de reximento tocarían o himno. I en chegando ó Congreso póusase no sobrado presidencial, ruben os ministros para mete-las chaves, séllase a iacta de constitución do Palramento e xa está.
Nas lerias de Rañolas con Pedro xurdían ditos coma estes:
Non se sabe o que é a eleitricidade e andan xogando con ela. Calquera día fan esplota-lo mundo...
O sistema de poñerlle a cada país un coor diferente no mapa é unha invención dos patrioteiros, para engaiolar ós rapaces...
Os que defenden a castidade para que o amor eisista, tamén podían defende-la fame para que o comer sexa unha ledicia...
Rañolas deixábase levar pola fogaxe das verbas e decote saíase fóra do rego; pero algunha vez atinaba.
Mellor que se-lo primeiro rico nunha terra de probes é se-lo único probe nunha terra de ricos. Prestaríanche un auto coa sinxeleza con que os fumadores dan lume para alcender un pito. Ti non tes reló, pero podes pregunta-la hora en que vives a un que o teña, e hai que ve-lo gustiño que lle dás ós que levan reló de ouro, porque lle[s] prestas ocasión de locir unha alfaia que levan no peto.
O maxín de Rañolas endexamais delampaba e Pedro sabía calar; pero unha vez púxolle reparos. Foi que Rañolas quixo desenrolar unha teoría e comezou decindo:
¡Quen me dera ter vinte mil millóns de pesos!
E Pedro atallouno:
¿En que os podías gastar, home? Porque aínda que comeras o que comeras...
XLIV
RAÑOLAS FAI VOA-LO MUNDO EN FRANGULLAS
Ben está ter segura a mantenza do corpo, enche-lo bandullo de compango diario; pero ademais cómpre ter segura a libre respiración do esprito, enche-la cabeza de soños ledos. O benestar non se conquire traballando; lógrase mellor na folganza. Por eso Rañolas era feliz cos seus anceios cando andaba ás baroutas polo mundo adiante; pero a ventura malvóuselle de saudades ó toparse ceibe da miseria i escravo do traballo.
De pouco lle podían vale-las aparencias de home libre cando de certo vivía en cadeas, a traballar engoumado. Desexos lle daban de saír outra volta dacabalo dun burro, a torrarse de sol polos camiños. Rañolas non quería ser un difunto co corazón andando, un reló máis da reloxería, unha máquina de corda para conta-lo tempo que pasa. Os relós serían felices; pero el era un home devecido de libertade.
Os tortos consellos da miseria fórano empurrando cara á escravitude. ¡Malia o día que conquireu o dereito ó traballo para trocarse de home ceibe en escravo do fisco i en azacán dos burgueses que lle levaban relós de ouro para compoñer!
Cando Rañolas se veu esplotado coma un boi, os noxos da vida doéronlle máis que nunca. Decatouse do erro cometido e a desventura foino pechando dentro de si mesmo, onde vivían trabadas as íntimas inquedanzas. Adoeceu de carraxes e dende entón a súa cabeza foi o centro do mundo.
Ideas lle daban de atua-la boca con dinamita, de alcende--la mecha i esbarrufar de miolos a vouta do ceo. E unha vez foi vencido pola onda.
O feito acaeceu no anoitecer deburado dun día de vran. O estrondo chamou polos veciños, que se detiveron encorados de anguria. A parede fendida, a xanela pendurada dun gonzo, as tellas rompidas... A traxedia ventábase dentro da casa.
Un garda municipal sacou forzas de medo, e arriscouse a rubi-los banzos da escada, i en chegando ó apartamento quedouse arrepiado.
Os boqueiróns do teito amostraban anacos de ceo estrelecido. Na fiestra locía os seus albos cornos a lúa nova. Unha bocha de luz eléitrica mantíñase acesa de milagre i alumeaba a escea.
Da morea de entullos surdía o corpo de Rañolas, en coiriño de todo, sentado nunha cadeira derreada. O tronco sen cabeza, desfeito en carniza; os longos brazos pendurados; as pernas tocas.
Na parede branca, salferida de miolos sanguiñentos, deixa Rañolas a súa despedida. Era unha soia verba, escrita con letras grandes e mouras:
¡PROTESTO!
|