| Andel literario
A obra literaria de ficción de Castelao dirixiuse fundamentalmente a dous xéneros: a narrativa e o teatro. As súas creacións narrativas foron escritas todas antes da guerra. Dende o primixenio Un ollo de vidro (1922), recuperado dunha conferencia do autor sobre o humorismo ata a súa única novela, Os dous de sempre (1934), esténdense aínda dúas produccións máis, colectáneas de relatos ou novelas curtas: as Cousas, publicadas en dous libros diferentes en 1926 e 1929, e os Retrincos (1932).
Como autor teatral, escribiu unha única obra: Os vellos non deben de namorarse (estreada en Buenos Aires en 1941, mais que non foi editada ata 1953, logo da morte de Castelao). Castelao deulle ao teatro galego un pulo netamente renovador; proba diso é que se preocupase non só polo aspecto textual mais tamén polo visual: el foi o encargado do deseño dos escenarios, do vestiario e das carautas dos actores.
Nestas alturas aínda non está dispoñible nesta sección máis ca unha escolma dos textos literarios de ficción de Castelao. A zona do Museo dedicada á súa producción escrita irá incorporando co tempo os fondos completos da súa obra. Clique no título da obra para ver os textos e para poder acceder á bibliografía e a máis información sobre as súas creacións literarias.
Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922)
Novela curta, inicialmente inserida como apólogo na conferencia "Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura" (1920). Trátase dunha narración do xénero do humor macabro, aínda que cunha carga crítica e cunha intención didáctica.
Cousas (1926-1929)
Relatos curtos, as cousas poden considerarse un xénero específico de Castelao. Aquín incluímos unha escolma de cinco: A marquesiña, Na cova dos carcamáns, Chegou das Américas, O pai de Migueliño e Vou contarvos un conto triste.
Retrincos (1932)
Colección de cinco contos, publicados pola editorial Nós. O volume ía ilustrado, por primeira vez, con gravados dun autor distinto do propio Castelao: Carlos Maside. Nesta escolma incluímos a penas un: O retrato. Tamén se poden ver os manuscritos.
Os dous de sempre (1934)
A única novela aparece por primeira vez en 1934, na Editorial Nós, con ilustracións do propio Castelao. Nela cóntanse as vidas de Pedriño e Rañolas, dúas formas de enfocar a vagar polo mundo radicalmente distintas. Nestas páxinas recollemos 6 capítulos.
Os vellos non deben de namorarse (1953)
Os vellos non deben de namorarse é unha peza teatral na que se ironiza sobre o paso do tempo e o amor dos vellos polas mozas. Foi escrita en diversos momentos da década dos trinta, rematada a finais desta en Nova York, estreada na escea xa en Arxentina e publicada trala súa morte. Incluímos o terceiro lance, o de Pimpinela.
Volver ao Museo | Bibliografía |