Divagacións engebristas con motivo d'unha exposición d'obras de Castelao

Por Xohan Vicente Viqueira

- I. Duas verbas
- II. A obra de Castelao
- III. Lirismo
- IV. Revolta
- V. Nacionalismo
- VI. Nacionalismo e arte
- VII. Saudo aos artistas


Outras conferencias:
Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura
Arte nova
Carta de Castelao a X. V. Viqueira


Volver

Divagacións engebristas con motivo d'unha exposición d'obras de Castelao

I. DUAS VERBAS

Querendo corresponder ao honor que se me fixo invitándo-me a falar dende esta tribuna que ten tan gloriosa historia e pol-a que pasaron tanto espíritus selecitos e grandes oradores, afellas que meditei moito. Houben de renunciar por non hacharme con forzas d’abondo, mais vêndo que sempre debía pôr o que poidera da miña parte na obra da renascenza galaica, fixen un esforzo e tratei de decir algo; este algo son as presentes divagaciós engebristas.

Despois da interesante conferencia de señor Risco, onde nos espuxo con tanto coñecimiento de causa a arte nova; despois das verbas do mestre Castelao sobre das suas propias obras, depois de todo esto ¿qué poderei contarvos? Pol-o que deixando de lado un traballo de crítica. para o que non estou chamado, póis confeso que para elo no sei d’abondo (e crítica só podía ser unha compresión fonda da obra de Castelao tal como a fixo él mesmo e o señor Risco), falareivos agora dalgunhas cousas que estes “poemetos gráficos” aquí espostos me sugiren; presentarei-vos, a falla de cousa mellor, unhas divagaciós un pouco derreadas, un pouco bretemosas. Por desgracia hoje non podo dar outra cousa.

E preguntaredes-me: ¿d-onde ven es “engebrista”? Inventein-o eu para expresar algo asín como a tendencia total do meu esprito que sespon nas liñas seguintes. Engebristas é o que engebriza, o que fai a engebridade. Nós, que facemos o que é engebre, a engebridade, elaborando a materia que nos presenta a nosa alma, somos en fin de contas, ademais de todos en “istas” que queirades, engebristas e engebristas por riba de todo.


II. A OBRA DE CASTELAO

Depois d’este curto prólogo vamos âs obras de Castelao, partida das miñas divagaciós d’oje. Todos este dibujos que tendes diante son pequenos poemas ou poemetos, rejos, valentes, cada un d’eles admirabel como obra d’arte. Todos eles expoñen a vida de Galiza tan admirablemente que podía levar un nome sô e este título sería: “Nai Galicia”. Eis porque Castelao é noso, tan noso, porque a sua obra identifíca-se con Galicia mesma, de maneira que falar d’él e falar de Galicia. E así veredes n’estas miñas divagaciós cantas cousas estes poemas dín-me.


III. LIRISMO

¿Cal é o ser da alma galaica que s’amostra na obra de Castelao? N’ela acharemos o esencial d’aquela, porque a sua modadlidade é engebramente galega. ¿Cal é pois o que poderíamos chamar a feitura mental engebramente galega, ou dito d’outra maneira, cal é a nosa alma? E iste un capítulo de psicología dos povos, capítulo aínda non taballado e para que mancan-nos aínda os datos. Camiñaremos pois n’él, mentras non reunan-se os documentos precisos, sobre un chan inseguro, non sobre cimentos inmoveis. Traballo d’exploración é o que fai falla, e d’análisis. Mentres, sô poderemos falar de vaguedades, d’impresiós; mais de todos eitos un rasgo presenta-se com-un motivo esencial na nosa alma; este rasgo e ao meu ver o lirismo. Mais ¿qué é lirismo? Porque agora non se fala de poesía lírica com-un género literario. Lirismo é algo mais fondo, mais radical; lirismo é unha propiedade da alma. Pode que na nosa vida interior esista unha tendencia en certa maneira, a vivir nas formas perceitivas, narrativas, nas construciós definidas, lógicas, das cousas que vemos e pensamos. Daquela, o mundo todo é traballo esquemático, e nos somos o que se chama apegados â prática. Pode tamén que tendamos a nos recollernos en nós mesmos e tan fondo da nosa alma que as cousas n’ela van como perdendo a sua realidade esterna, e s’evan en puro sentimento arelante. Estas duas formas d’actividade consciente teñen o seu senso racial. A primeira é objetivista e leva no arte a unha direición realista, externa, narrativa ou épica; a segunda é lírica (lirismo puro) idealista, criadora, música e lírica poética. A primeira é a alma de Castela, a segunda constitui a alma musical de Portugal e Galicia, que nos leva en remisniscencias, no mais aló dos tempos, â nosa raza céltica. (Eu fixen esta comparanza ibérica somenta para pôr mais craro o meu punto de vista non por outra cousa, ja que toda comparanza fai-se odiosa). Deste lirismo falei eu cando aínda non coñecía o pensamento de Teixeira Pascoaes, ilustre poeta portugués contemporáneo e fundador do “Saudosismo”, é decir, d’unha exaltación do lirismo literario e pode que vital (ja vos direi algo mais adiante). Nesto Teixeira hachou na alma de Portugal, como eu na alma de Galicia (mais próxima a unha da outra do que se cré) como elemento predominante o lirismo. Mais o que e propio de Teixeira de Pascoaes é a sua teoría peculiar, ja que este momento lírico está recoñecido polos mais d-os escritores portugueses e moitas veces; asín por Lópes Veira e Sardinha. Ese elemento lírico non foi tan recoñecido e afirmado en Galicia, o que é preciso que se faga para non perdernos o verdadeiro camiño de desenvolvimento da nosa alma colectiva. A historia fala en favor seu (ja que os seus cultores literarios o indican). Todos sabedes que durante a Idade Meia fumos os líricos da Penínsua, que até os poetas casteláns escribían no noso idioma a sua lírica. Nos derradeiro tempos, cando se quixo buscar un elemento popular na lírica antiga de Castela, houberon de se contentar con pequenas reminiscencias! E despois de tanto tempo e de tanta opresión ideal, o noso lirismo renasce sempre de novo: nos tristes séculos XVI e XVII, para chegar no XIX con Rosalía de Castro até a ter unha siñificación de precursor para outros movimentos poéticos d’España; e hoje entre tanta manifestación artística, continuamos sendo liristas, continuamos pintanto ou escribindo poesía, sendo líricos. Volvendo a Teixeira de Pascoaes: despois d’un meditar sobre do noso lirismo, fun dar ao lirismo portugués e atopeime con Teixeira de Pascoaes. Lein-o e vín que nos dous chegábamos ao mesmo resultado; mais ainda, os dous chegábamos a expresar n’unha mesma verba o lirismo dos novos povos, e esta palabra é “saudades” ou “soidades”! Saudade é lirismo puro, sentimento esvaído en pura arela ou tendencia.

Eu, alma saudosa, amo totalmente estas saudades que son o mais deleitoso na vida! Até n’un certo plano poidan que teñan un valor metafísico! Mais deixemos agora estas filosofías. Hay unha antiga lenda nosa (para algúns d’origen céltico) que expresa o noso lirismo, saudosismo ou musicalismo. E ista lenda a do monge e aquel cantor dos aires que se chama o rousinol. Un monge que moroba nos campos (un monge poeta certo) un dia a escismar, pensou: ¿Cómo será o paraíso? A Nosa Señora ordenou entón unha milagre envolveita de todo o seu encanto celeste. O bon monge ouvíu logo un paxariño, cantando en tan bon son, que recollido n’un tan delicioso éxtasis, estivo un tempo que lle non pareceu moi longo. Calou o paxaro: o monge voltou para o seu mosteiro e con grande asombro seu, atopouse que ninguén o alí coñecía, que todo mudara mentras escoitaba o canto soavísimo e macio do paxaro.

¡E era que estivera ouvindo trescentos anos, que estivera en éxtasis musical trescentos anos! Aquel monge embriagado de música é un símbolo da nos alma galega musical, soñando (ou vivindo intimamente ¿qué mais da?) nas beiras rumorosas do Atlántico.

Decía-me un amigo meu, negando que os artistas galegos fosen bohemios: os artistas galegos ten alma de monge: certo, digo eu ahora, d’aquel monge que escoitou cantar o rousinol, d’aquel monge poeta! E certamente Castelao é d’eles, porque seu arte é eminentemente lírico, cantos exaltados que ben se poideran comparar con vellas cantigas, que, sempre eternas, fan-se agora eminentemente cantigas do futuro, d’un futuro grande e fecundo.

Eu non creio que ninguén da nosa raza poida ser feliz sen escoitar este rousinol divino ¿E cantos non o escoitaron aínda? Temos que facer un esfrozo, temos que profundir en nós mesmos, chegar ao mellor de nós, ao noso mellor eu! Os esforzos individuaes non abondan; temos que vivir no comunión espiritual c’o noso povo, e asín, por unha reviviscencia colectiva, poderemos reconquerir o que é millor en nós: o lirismo. Un exemplo que seguir é tamén o de Castelao, que soubo chegar â alma dos homes e das cousas da sua terra, que soubo aínda mais, o que non está ô alcance de todos: deixar sobre uns poucos de papeis esta alma. Cada momento do noso lirismo lateja en cada un dos seus dibuxos, que por esto son tan líricos como cada poesía de Rosalía de Castro. E a cantiga eterna vai a través d’unha gama sonora, caricatura a outra voz mais grave, mais pungente e mais ergueita!


IV. REVOLTA

Eu ja dixen que os dibujos de Castelao eran un canto â vida; mais entenda-se como se debe entender: â vida real e verdadeira. E tamén dixen que esta vida era ja de Galicia. ¿Qué pode ser un canto desta Galicia desfeita, n’un renacer de loita, mais que unha chamada de justiza? Os dibujos de Castelao craman, pois, justiza; berran varudamente sen eufemismo: ¡revolta! Fixádemos: comezamos c’os “escravos do fisco” traballando a dura terra, cansa de producir, baixo un ceo negro, vellos sem espranza algunha penetrados de fadiga! ¿Para qué? Para levaren despois, tristes pastores que non ouviron com’os de Belén a boa nova, o froito do seu traballo a quen os asovalla e os aldraja quizais n’unha filla querida, aos donos avaros a chuchar na sua sangue! A escola está pode que deserta; n’ela se “pega” e non s’adeprende; “chera que fede”. Mais ¡ou tristura! con todo eso o povo non canta todavía un himno de revolta e guerreiro; o povo non pide ja, vendo que é inútil, nen pan nen libertade: o povo emigra. E nós, os que vemos dias e dias esta triste emigración, faceríamos un crime ao non traballar para a evitar, se nós fósemos por desgracia tan inconscientes! Algúns van en busca de pan, mais outros vanse porque non poden vivir ainda con pan, sendo escravos; algúns voltarán. ¿Cómo? Para morreren desfeitos por traballos e doenzas, como aquel que dí: “Sabe, meu pai, eu non quería morrer alá”; tamén as veces, con lembranza do vello aldraje, dispostos a loitar con alma agre. (Mais para un que se salva ¡canto se non perden!) Para seren libres tamén fala Castelao artista aos galegos, pois lles dí: a vosa Galicia, que amades, ou inconscientes, é triste e sofre, mais podedel-a facer libre e grande!” O arte non pode pecharse na sua torre de marfín; chegará a hora en que por falla de ar morra. O arte ten que vivir ao ar libre, ao ar da vida, da vida real, para ser arte.

A arte de Castelao é grande, entre outras cousas, porque sabe traducir en todo o se senso a miseria e a dôr da vida galega d’hoje, porque sabe cantar sobre destos tristes motivos, como cantou Curros e Pondal, un himno de revoltas e libertade. E il, na nosa Galicia, relembra como ninguén o latejar da alma do mundo, e il nos trai como ninguén o poema heróico que está escribindo a humanidade na sua loita por mais nobreza, e ben aínda que tecido con angurias de crime e fame, e que rematará co’a imprantación da aristocracia moral no mundo, co’a era da filosofía. O arte ten a alta misión d’espertar os espritos durmiñentos. E na nosa terra fan falla moitos Castelaos. ¡Adiante mocidade!


V. NACIONALISMO

O nacionalismo de Castelao é agre! Probablemente de todos os elementos do seu arte o mais dificil d’enxerguer na sua realidade é o nacionalismo. ¿Cómo temos qu’entender aquí o nacionalismo? Nacionalismo é afirmación de toda cousa nada d’un povo: dos seus costumes, dos seus artes, da sua fala; e indo mais aló d’esta afirmación, é progredir para esta afirmación cada vez mais alta, mais grande. Algúns sinten que isto é unha regresión, unha volta atrás ou unha rachadura perigosa! ¿Cómo pode s’entender na sua verdadeira esencia o nacionalismo e, pol-o tanto, o de Castelao? En poucas palabras quero eu falar-vos agora desto:

C’o comenzo do século XIX, jurdiu no pensamento humán o que se acostuma a chamar senso histórico. ¿Qué é o senso histórico? O coñecimento de que toda produción humá, ou mellor, de que toda existencialidade humá, pol-o tanto a nación, ten o seu proceso histórico, desenvólve-se históricamente. O senso histórico val, pois, para a vida de Galicia como para a d’outro povo. E decir, con toda a sua cultura, somente s’explica considerando-a nun desenvolvimento proguedente, n’unha superación no tempo. O senso histórico fai comprensiva toda forma humá e deixanos abranguer unha conceición universal da humanidade. Goethe decía n’unha poesía que leva por epígrafe, por certo, o título de “Moderno”, o que sigue:

“¿Cómo pódese comparar Hans van Eick con Fidias? Eu vos insino que debe s’esquecer un pol-o outro. Se considerádeses sempre un d’eles ¿poderíase aínda estimal-o? Asín é o arte, asín o mundo: cada cousa agrada en virtude das outras cousas”.

Asín é o mundo e asín é o arte: evolución, proceso, recoñece Hegel, que tenciona o expôr logicamente.

A Humanidade, unha en idea, desfaise na sua realización en momentos concretos e individuaes. Individualidades que ven a coincidir en puntos centraes, naciós, que son os pontaes verdadeiros da cultura. Pois en derradeira instancia, ¿onde se basa, comercio, cencia e outras actividades humáns, senón nas naciós?

A humanidade, para cumprir todas as promesas que leva en potencia (pos antes de ser (onde jaz?) desfai-se en naciós. Ja a vida precisa, para ser, do principio de individuación, ou seja, de ser como individuo ou concreciós de individuos. O mesmo principio é o da evolución humá, que tamén e cósmica, é decir, unha parte do proceso universal.

Como vedes, o meu nacionalismo ten unha base cósmica e metafísica. A humanidade desfaise en naciós, porque precisa orgos. As naciós son, pois, orgos da humanidade. Elas fan todo o que é facedoiro en cada tempo. Non nun momento de tempo, senón non se sucederen dos tempos. E aquí tamén, cada unha ten sua misión; e cando a sua misión fina, morre! Mais a misión de Galicia chega e por esto rejurde. S’e lei o se desfacer a humanidade en naciós, é preciso por esto s’oporen entre sí as naciós; d’eiquí os conflictos por veces, chegando até o sanguiñento, até as duras vervas e os exclusivismos.

Mais a humanidade non pode ficar aquí na sua marcha; ten que ir alén, porque no seu seo radica a saudade d’armonía. A contraposición na multiplicidade das naciós ten-se que resolver n’unha nova unidade. ¿E qué pode ser esta unidade? Fixadevos ben, e sera-vos evidente: esta unificación no ha ser mais que a volta de todas as naciós ao seo da humanidade mesma. Mais estas naciós non poden deixar o seu ser, pois régen-se pol-a lei suprema da individualidade (todo o que é, é como individuo) ¿cómo voltar pois ao seo humán? Creando unha nova individualidade superior: a humanidade mesma, armonía das diversas naciós.

Un exemplo o tedes no individuo humán. Un home que se desenvolve tamén históricamente non pode ser mais que como individuo, como tal home concreto, no seu individualismo, pol-o decer asín. El ten que ser tal ou cal individuo, non pode ser nen seu pai, nen seu irmao, nen seu amigo: nen aínda o amante, se non pode facer un sô ser c’a sua ben amada! (Os amantes quixeran ser somentes un, con duas almas. E con duas almas, porque con unha, ou tristura, non poden vivir). Ser individuo é ser, e lei de ser; ¿mais como sae o individuo de sí mesmo, deste seu isolamento que ja âs veces lle doi? Non: é sendo él craramente. Nas mais grandes críses, nas mais grandes oposiciós, sinte o seu atague c’os outros. E erguendo-se sobre sí entrando en relaciós c’os outros, forma unha realidade superior; fundamentalmente na nación nacería primeiramente, despois na humanidade. E asín como o indivíduo a nación que tamén é, procede. E non podo entreterme mais nesto.

Resumindo: o descompoñimento en naciós é un momento capital no proceso da humanidade, porque a nación é orgo ha humanidade neste proceso. A nación é, pois, esencial.

Por esto pode calquera juntar en el mesmo o universalismo e o nacionalismo, e, sendo nacionalista, facer sua, con todas as suas consecuencias, a sentencia antiga de Democrito que dí que “a patria de un alma nobre e o mundo enteiro”. Por eso pode-se ser universalista (porque en calqueira momento da evolución espiritual se descobre a humanidade) é nacionalista ao mesmo tempo, nun senso infindo o ontológico, en canto recoñéce-se preciso para a humanidade se facer en naciós, en proceso infindo, para cumprir a sua obra. D-este geito é-se nacionalista primeiramente en Galicia, mais despois tamén en Irlanda, Polonia, Egipto, en Finlandia ou Letonia, pois a alma, recorrendo o mundo, entende necesariamente cada nación. Tamén eiquí ten a sua explicación o feito que ao mesmo tempo que co’a guerra actual jurdían tantas novas naciós no mundo, se acentuase o movimento internacionalista. Nacións e humanidade son termos correlativos.

Esto é o nacionalismo cósmico e metafísico que vejo eu na obra de Castelao: Galicia ten que ser, debe ser, porque é un momento esencial no progredir da humanidade.

Mais non abonda c’unha posición negativa. Mais non abonda c’unha afirmación exclusiva. Temos que dar un paso mais adiante. Este paso é de síntesis, d’armonía: este paso é un paso para a outra vez o seo da humanidade. Porque, supoño que ja vos teredes decatado, o nacionalismo non é, políticamente, separatista; según os seus principios mesmos filosófico o nacionalismo, frente a todo separatismo, é unionista. Toda nación háchase comprendida no seo da humanidade. Mais antes de chegar a esta sua compresión suprema, a esta sua organización suprema (organización que eu presinto non sô como política, senón como ideal), pode entrar n’outros enlaces unha nación, por novos atages, podíamos decir históricos, que a obrigan. Jurde estón o nexo federativo, e como as naciós se complementan na humanidade, comenza a sua complementación históricamente necesaria, nas federaciós. De maneira que a estridencia nacionalista resolve-se, como un acorde disonante, n’unha consonancia federalista. No caso concreto de que tratamos, no caso de Galicia, n’unha federación ibérica, mais grande, mais fecunda, que esta unidade de forza (ja ben vella) que se chama o reiño unido de Castela e Aragón, feita no século XV pol-o Reis Católicos, que mais val esquecer nesta terra que eles asovallaran!


VI. NACIONALISMO E ARTE

Por outra parte, o nacionalismo, sendo evolución, é-o pol-o tanto de producción: é fonte da productividade estética. Supondo un home músico, d’alma música (é decer, no senso anterior da nosa alma) facéde-lle traballar no arte contra da sua propia lei e individualidade, facéde-lle proceder épicamente (no noso senso). ¿Qué jurdirá? Nada de valimento. Considerado agora un povo na sua totalidade; facéde-lle proceder, por falla de cultura ou por outro motivo somellante imitativamente, fora da sua persoalidade. ¿Qué jurdirá? Obra de segundo orde. (Por desgracia temos tantas na nosa terra!) E por eso que a historia fala sempre en favor do artista que comprendeu o seu propio ser ou o artista da raza. Exemplos hai tantos que non teño tempo para os citar. Constituin eles a historia do arte no seus momentos capitaes.

Exporei-vos somente algúns contemporáneo e que todos coñecedes: Mistral hachou a alma de Provenza e escribíu en provenzal de maneira que foi, según dín ja en Francia, o mellor do mellor. Ibsen, tan lido e relido ja hoje, ¿dónde trai a sua fama mais que do descobremento da alma noruega? Pode-se decer o mesmo do sueco Strindberg, por desgracia tampouco coñecido e traducido entre nós. E como derradeiro caso: Rabindranaht Tagore, o poeta mais universal d’os nosos dias, o admirado no mundo enteiro, o grande entre os grandes, ¿quen é? Un bengalí é que escribe en bengali unha nobre língoa da India que cuase ninguén entende en Europa; un bengalí con toda sua alma, que até non mira con mui bons ollos as cousas d’Europa. E iste poeta chega ja, na sua fama, a ter un posto nas historias da filosofía (sobre d’él acaba des’escribir un libro agora que expón o seu pensamento filosófico). ¿¿Qué fixo Rabindranath? Descubriu a alma india, descubríu o seu propio ser e, co’a fortaleza artística necesaria, cantoun-a nos seus versos.

E o mesmo caso o tendes no nunca d’abondo admirado Castelao. El tamén, o primeiro entre os pintores nosos, chegou ao fondo na nosa alma e soubo darlle o contorno que lle facía falla. Craro que non abonda mirar, ollar e indagar; fai falla ter talento, ter alma especial, ser poeta ou pintor. Mais tampouco esto abonda sen o outro. Castelao volveu sobre a sua raza e con un raro talenta hachou un camiño. Mestra ja para os que veñan, quedará no noso historia galaica como un camiño. Mestre ja para os que veñan, para todos os outros: de esforzo, traballo, procedimento e energía para desceren ao mais fondo da nosa alma galega.


VII. SAUDO AOS ARTISTAS

Eu que falo por primeira vez de arte na miña terra non quero deixar de saudar desde esta tribuna aos artistas galegos. Recibide pois, o meu mais fraternal saúdo: pintores que poñedes sobor do lenzo a admirable policromía de Galicia, o verde de prados e boscos, o azul de rías e mares, o amarelo de toxos e nabals, o roxo das mais por mín amadas flores, as queiroas, os grises azuados da noite e a chuvia d’ouro fecundante do día, as brétemas enmeigadas; escultores, arquitectos, para quen eu pido un pouco mais d’amor as cousas da nosa arquitectura popular; poetas que extendedes no futuro ilimitado a fama do noso lirismo.

De vós todos, vais cada un pol-o seu camiño, traballo, cada un según seu ideal. E ista a maneira única de hacharmos o verdadeiro carreiro para a criación de mañá. Mais que entre todos nós, amantes do arte, exista unha comunión ideal que faga a nosa obra fecunda, que faga que ningún esforzo se perda, que produzca ajuda para o que comenza e para o que traballa. E asín, os esforzos de uns e de outros, se entretecendo, chegarán a criar ben agiña unha escola galega. Porque nunca houbo tanto artista de talento como hoje. E non me refiro somentes os que trunfaron ja e levaron o noso nome mais aló das fronteiras: refírome tamén aos que aínda comezan, aos que debemos ajudar, porque entre istes existen homes de gran valimento (eu estou certo) que serán o dia de mañán precursores de novas vías para o arte. Eu dend’aquí, co’a miña homilde palabra, quixera dar-lles ánemo para, por riba de todas as contrariedades, seguiren fiés ao seu temperamento; cultores no seu peito de todas as rebeldías d’artistas.

Nunca a vida espiritual de Galicia latejou con tanta forza, nunca houbo sinaes tan non enganosas d’unha definitiva renascenza da nosa vida inteira, nunca vellos e mozos s’atoparon tan decididamente no ideal redentor da terra escrava. Non hai que deixar pasar a ocasión; hai que ir a ela con plena consciencia, hai que ir a ela no arte e en todo, hai que ir a ela co’a mais grande ledicia! Para loitar, para vencer, para c’un optimismo infinido facer sobre das ruínas da nosa patria, a nova, inmensa, prodigiosa Galicia que morra nas saudades dos nosos peitos.

¡Si-poeta amigo-os tempos son chegados!

Ir arriba