"Nós": da exposición ó álbum

- A exposición itinerante

-
En papel


Outras ligazóns
As conferencias da exposición
Revista de prensa sobre a exposición
Cartas de Castelao sobre Nós


Volver
"Nós": da exposición ó álbum

A exposición itinerante

'Nós' é unha colección de 49 estampas máis un autorretrato que primeiro circulou como exposición e máis tarde foi editada nun Álbum. A Exposición 'Nós', que foi exhibida por primeira vez ó público do 2 ó 22 de marzo de 1920 no salón de 'Círculo de Artesanos' da Coruña por iniciativa da Irmandade da Fala local, supuxo un chanzo trascendental na traxectoria artística e pública de Castelao. A partir de aí, viaxaría na segunda quincena de setembro a Madrid, onde foi exhibida no Ateneo, e en novembro a Ourense.

A finais de 1921, de regreso de Castelao da súa viaxe de estudios por Europa, estreouse en Vilagarcía unha segunda xeira itinerante da Exposición, que continuaría durante 1922 en Monforte (febreiro), Ferrol (abril) e Pontevedra (maio-xuño). O ano seguinte, "Nós" exhibiríase en Barcelona (xaneiro) e Vigo (xuño). O periplo remataría en Santiago, onde as estampas foron mostradas durante abril e maio de 1924, ó tempo que o seu autor era recibido con grande solemnidade como membro do Seminario de Estudos Galegos. A exposición 'Nós', co formidable eco público que acadou, representa un auténtico fito na historia do nacionalismo galego. Da relevancia que os galeguistas lle outorgaron no seu momento pódenos dar idea a espectación que se creou desde as páxinas de A Nosa Terra antes da súa inauguración na Coruña, pero máis significativos aínda resultan os ciclos de conferencias que se organizaron ó seu redor, tanto nesta primeira exhibición, como nas xiras itinerantes de 1921 a 1924. Na Coruña, ademais de Castelao, que disertou sobre o humorismo pronunciaron conferencias Vicente Risco, Johan Vicente Viqueira e Xaime Quintanilla.

En Vilagarcía falaron outra volta Castelao e V. Risco; en febreiro de 1922, coincidindo a Exposición 'Nós' coa celebración da IVª Asemblea Nacionalista en Monforte, conferenciaron Luís Peña Novo, Xaime Quintanilla e Arturo Noguerol; en Pontevedra falaron Ramón Otero Pedrayo e o propio Castelao; en Barcelona, a primeiros de 1923, volveron intervir Castelao e V. Risco, disertando sobre a arte e nacionalismo; finalmente en xuño, en Vigo, pronunciou a conferencia inaugural da Exposición Arturo Noguerol, e en Santiago en 1924, 'Nós' serviu de marco para diversas solemnidades relacionadas co Seminario de Estudos Galegos.

Arredor de 'Nós' congregouse nos anos 1920-24 unha representación do máis escolleito da intelectualidade nacionalista do momento. Con razón podía gabarse Castelao en 1931 no prólogo ó álbum de que a colección de estampas que fora amosada por tódalas cidades e vilas de Galicia, e que servira de pretexto para conferencias que influíran no rexurdimento da galeguidade.



En papel

A colección só vería lume nun álbum editado sete anos máis tarde (marzo de 1931), a iniciativa dun grupo de amigos de Castelao e sufradado por estes, nos prelos da 'Casa Hauser y Menet' de Madrid.

No mesmo prólogo, onde afirma que a obra fora composta entre os anos 1916 e 1918, explicita o senso que lle dera ó seu traballo e esboza unha xustificación da estética que o inspirara, en réplica ás críticas que a Exposición tiña suscitado en certos sectores.

Os temas que aparecen tocados en Nós son as lacras sociais da Galicia daquel tempo, con atención case exclusiva ás maioritarias camadas populares non urbanas: a emigración, os 'trabucos' ou impostos, os foros e as oblatas, o caciquismo, a lei inxusta ou a inxusta administración desta, a pasividade dos campesiños, a violencia e os abusos contra as mulleres, a marxinación social, os 'parasitas' coma cregos, fidalgos, avogados, médicos, os problemas da pesca, a represión contra o agrarismo.

Os tipos que aparecen nos debuxos corresponden ó espectro social devandito: tipos populares en xeral, labregos e mariñeiros, mulleres, moitas veces con nenos, mociños e mociñas sós, cegos e cegas, tolleitos, mendigos, seres marxinais e fracasados; fronte os anteriores, burócratas ou caciques, fidalgos e cregos. En tódolos casos, agás obviamente no dos nenos, abundan as persoas idosas, mesmo anciás. Os personaxes populares están tratados con profunda simpatía, os non populares cunha antipatía indisimulada.

Aínda que en xeral domina a colección unha ironía aceda ou mesmo punxente, non todo 'Nós' está enchoupado de humor, de feito, o ton vai desde un tremendismo ás veces francamente tétrico, do que o humorismo está ausente, ata o humor retranqueiro pero amable ás veces raiando no chistoso, pasando pola crítica 'seria', que xoga todo o máis co paradoxo ou por unha triste ternura e polo humor negro. A perspectiva é sempre dos marxinados e explotados, e tanto o conxunto coma cada unha das pezas constitúen unha vigorosa denuncia das terribles condicións sociais que padecía a maioría do pobo galego, e unha apelación contundente ó público para que se mobilizase con vistas a transformar aquela situación.
Ir arriba