"Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura". Noticia do Texto e contido
Por Henrique Monteagudo
Volver |
 |
A conferencia que arestora nos interesa viu lume por primeira vez nas páxinas dA Nosa Terra, coincidindo coa exposición da Coruña. O relato orixinalmente inserido no primeiro apartado (Humorismo) da disertación de Castelao, aparecería como obra independente en 1922 na colección Céltiga, con ilustracións propias e baixo o título Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, e a partir de aí gozou dunha moi boa acollida e foi reeditado en numerosas ocasións. A conferencia en si coñeceu sucesivas republicacións, aínda que todas elas póstumas: así, a partir dun manuscrito autógrafo (no que o apartado III, Caricatura, está profusamente ilustrado) cedido por Ramón Vilar Ponte á Real Academia Galega, foi editado por esta mesma institución en 1961; en 1964 foi incluída na Escolma posible preparada por M. Dónega; posteriormente, foi traducida ó castelán e incluída nun volume antolóxico da obra literaria de Castelao arranxado por Xesús Alonso Montero en 1974; finalmente, en 1977 foi incorporada ó primeiro volume da colectánea Pensamento Galego que organizou C. Baliñas.
En principio, Castelao presenta a súa disertación non tanto como unha autocrítica canto como unha representación de elementos para que poidades criticar o meu arte. Como o título indica, o texto está dividido en tres seccións, cada unha das cales se centrará en tres aspectos, indo do máis xeral ó máis específico: (I) Humorismo, (II) Debuxo humorístico e (III) Caricatura. Sorprendentemente, o concepto de humorismo, máis ca analizado, está exposto polo autor de xeito parabólico, mediante o relato Un ollo de vidro, que pertence ó xénero do humor macabro, e no que insertan algúns exemplos presentados en forma de interrogación (un procedemento que será reutilizado e reformado no prólogo ó libro Cincuenta homes por dez reás). No mesmo texto xustifícase este procedemento, pois, segundo se afirma, nin sequera cunha biblioteca na cachola se podería definir o humorismo. En poucas palabras e a xeito de conclusión, Castelao considera que o seu humor é: racial (xa que, conforme o autor, vén herdado de meus abós e en todo caso, un galego é sempre socarrón ou humorista), e como tal oposto á retórica mediterránea; de inspiración popular (ven dos labregos e dos mariñeiros, ademais a socarronería é o humorismo dos incultos así coma o humorismo é a socarronería dos cultos), e polo mesmo arredado do bo gusto dominante; xa que logo anti-convencional e crítico (Eu non podo transixir cuns homes que se rían do cesante e do mestre descola cando na Francia se rían do burgués), nunha actitude xustamente contraria ós aceptan o que xa está aceptado e somente aplauden o que está aplaudido; para rematar, profundamente serio (eu non pretendo divertir a ninguén), e refugador dunha comicidade ridícula (de cepa flamenga).
Nas seccións segunda (Dibuxo humorístico) e terceira (Caricatura), Castelao retoma a súa conferencia Algo acerca de la caricatura, que elaborou no lustro 1910-15, e que dictara entres outros lugares en Vigo, Madrid e Pontevedra, antes de dala ó prelo en Pontevedra en 1916/17. Na segunda parte amplía algúns puntos e matiza outros, pero na terceira limítase a versionar esta conferencia dun xeito case literal. Así, na sección sobre o Dibuxo humorístico, afonda nas reflexións anteriores sobre a seriedade do humorismo, tal como el o concibe, en relación co seu carácter reflexivo, e desvelador da realidade e coa súa finalidade utilitaria:
Na concreta situación histórica na que se sitúa, diante das mágoas da Terra asoballada, Castelao considera que lle corresponde adoptar unha acitude de pesimismo, un pesimismo que eu maximo ceibador (vid. no mesmo senso o que di no prólogo ó álbum Nós), que o sitúa nas antípodas do cómico: como humorista galego teño que afogar as miñas risas diante dunha Verdade que chora. Por iso, o seu traballo achégase máis á sátira, que perde a sua característica de bo humor e fere como un coitelo afiado, e que emprega como principal arma unha firente ironía: o meu galeguismo estame sempre dicindo á orella: Ti, que podías rir, morde,,,. Como di Luís Seoane, Castelao considera que non queda sitio no arte, polo intre que vive Galicia, prá pantesía e a paixón, senón pra o sentimento moral en relación coa realidade da vida. Do que levamos visto, e comparando este texto con Algo acerca de la caricatura, é doado apreciar como a ideoloxización no senso galeguista do noso artista o induciu a unha notable radicalización nos seus presupostos anteiores, no que se refire á súa concepción seria, reflexiva, utilitaria e crítica do debuxo humorístico, dirixido agora a denunciar os males do país (tal como el os concibe, claro está; isto é, os males duns determinados sectores populares: os labregos e mariñeiros) e a propórlles unha solución: o nacionalismo.
Emporiso, entre as escasas novidades que introduce na sección terceira, salienta a reivindicación expresa da liberdade creativa do artista, que o autor personifica no seu colega o caricaturista catalán Bagaría.
|
|