'Nós' é unha colección de 49 estampas -máis un autorretrato-, que primeiro circulou como exposición e máis tarde (1931) foi editada nun álbum. Supuxo o despegue como artista de Castelao e, asemade, o inicio da súa carreira política.

A colección vería lume nun álbum editado a iniciativa dun grupo de amigos de Castelao e sufragado por estes, nos prelos da 'Casa Hauser y Menet' de Madrid. No prólogo do álbum, onde afirma que a obra foi composta entre os anos 16 e 18, explicita o senso que lle dera ao seu traballo e esboza unha xustificación da estética que o inspirara. Os temas que aparecen tocados en Nós son as lacras sociais da Galicia daquel tempo, con atención case exclusiva ás maioritarias camadas populares non urbanas.

A repercusión social da Exposición Nós resultou enorme. Exhibida por primeira vez ó público do 2 ó 22 de marzo de 1920 no salón de 'Círculo de Artesanos' da Coruña, viaxaría nos seguintes catro anos por toda Galicia e mais por Barcelona e Madrid. A presentación da exposición foi acompañada de conferencias de intelectuais galeguistas e mais do propio Castelao.

Ligazóns
O Álbum Nós
As conferencias da exposición
Revista de prensa sobre a exposición
Da exposición ao Álbum
Cartas de Castelao sobre Nós
A Nosa Terra

Ver álbum