Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura

- I. Humorismo
- II. Dibuxo humorístico
- III. Caricatura

- Máis información (Noticia do texto e contido. Por Henrique Monteagudo)


Outras conferencias:
Arte nova
Divagacións engebristas con motivo d'unha exposición d'obras de Castelao
Carta de Castelao a X. V. Viqueira


Volver
A Nosa Terra. Número 114. A Cruña 31 de marzo de 1920

Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura

Señoras e señores:

Mis que unha autocrítica quero darvos un feixe d´elementos pra que poidades criticar o meu Arte. Non veño buscando gabanzas nin loubanzas, anque fosen merecidas, e pol-o que poida importarme a min, compre que vos traduza unhas verbas do gran humporista inglés Chesterton.

"Cando un home necesita sere conceptuado é certamente mellor que o sexa sobor d´algus méritos ou talentos que realmente non ten. Entón a sua vanidade reposa mais ou menos fonda; é sômente un error de fito com´o do home que crê herdar sangue real, ou pensa que ten un sistema infalibel pra Monte Carlo. O mérito irreal non corrompe nin falsifica os méritos reales. O home é vano co-as virtudes que non tén podendo sere humilde co-as virtudes que ten. As suas cualidades verdadeiramente boas repousan na sua inocencia primordial: non pode velas nin corrompelas. Se o pensamento d´un home está erróneamente cheo coa idea de qu´é un gran vilinista, iso non lle priva de que sexa un home de ben; mais se algunha vez o seu pensamento está inzado co-a idea de que é un home de ben, axiña deixará de sel-o".

Ollade, pois, o mal que me podedes face.


I. HUMORISMO

Eu teño un amigo enterrador n´un cimeterio de cibdade. Iste meu amigo non é de ceto amigo meu: é somente un ouxeto d´esperencia, un colliño de Indias. Un enterrador sabe sempre moitas cousas e cont-as con humorismo.Un enterrador de cibdade que dispe e descalza ôs mortos pra encher as tendas de roupa vella, ten de sere home que lle compre á un humorista. Un enterrador que saca boa soldada co ouro dos dentes das caliveras, tiña de sere meu amigo.

Iste enterrador tense por home de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rír que arrepían, e co-as "sorpresas"da sua conversa fuxen as horas sen decatarme.

Boeno, o conto foi que certo día collín car´o cimeeterio e atopei ô enterrador un pouquiño non sei cómo, e dispois de falarmos moito, dixome que me tiña que copiar, en segredo, unha cousa, sempre que´eu fose home de ben e amigo leal. Eu fiquei un pouco encorado pol-o medo á "sorpresa" descoñecida, e dispois de collerme pol-o hombreiro e arrecegarme os seus beizos podres á miña orella, díxome paseniñamente:

-Atopei uns papeles n´unha caixa!.. N´unha caixa que non sei de quén será. O esquelete tiña na calivera un ollo de vidro que me fitaba con remeira... e na man tiña istes papeles...

E o enterrador sacou d´arrentes do coiro uns papeles encuzados. O enterrador non sabe lêr e doumos á min, pra que ll´os lêse. Eran chaos de periódicos e papeles de fumar, todos numerados, eno primeiro campaban istas verbas:
"Memorias d´un esquelete"

Aquela letra era traballosa de lêr i-estaba feita c´un garabullo. A tinta non sei o que sería nin quixen decatarme do que poidera sere.

Cando rematei a leutura xa escomenzara o antre fusco e lusco e o enterrador, moi amocado xurou que se non fose por Deus iña ô esqulete i-escacháballe a calivera c´un sacho.
...Despedínme d´el e cando xa iña pol-a estrada, camiño da cibdade, oin que me chamaba á berros dend´a porta do cimeterio.

-¡Oya, veñ´acó!

E dispois quediño e moi solermiñamente:

-Vostede qu´e médico ¿non sabería onde mercan ollos de vidro?

As memorias do esquelete é o que vos vou lêr. Escoitade, pois, á un home de outro mundo, pregándovos, por adiantado, que non me fagades solidario das suas ideas.

Ala vay:

"Eu nacín, medrei e fíxenme home e un bo día enfermóuseme un ollo. Fun ôs médicos e lambéronme unha manchada de cartos e no remate de contas o ollo sandar sandou, pero quedoume grolo. Por aquil tempo tiña eu un galo tan amante que viñ´a comer na miña man. Chamáballe Tenorio.

Estando eu agachado c´os grans de millo na cunca das mans, vense cara min, paseniñamente, tripando aterra con aquel aire señorón. Plántase diante de min, ergue o pescozo para fitar de perto, cicais bulronamente, auel meu falfadado ollo grolo, e cabilando que sería cousa de manxar, axeitoume un peteirazo tan ben dirixido que me deixou torto. Agora si, os médicos, dispois de lambérenme outra manchada de cartos, puxéronme un ollo de vidro tan ben imitado que bulía e todo.

A cantas mulleres engayolei chuscándolles o ollo de vidro!
Morrin antre cobertores como morren á cotío os bós homes e ben afeitado e ben peiteado e co meu traxe dos días de festa -que por cetto levoum-o enterrador ô siguiente día de me enterrar fun pra debaixo dos terróns sen que ninguén se lembrase de quitarme o ollo de vidro.

Deitado na miña caixa de pino repousei moitísimos días, tantos que perdín a conta. Apodrecín axiña e ôs poucos días d´enterrado escomenzaron os vermes á faguerme cóchegas.

Compre dicir qu´eiquí non está permitido presentarse en sociedade con farrapos de carne fedenta apegados nos hosos, pois os esqueletes, que non ven nin comen, ulen tan ben com´os vivos; así é que namentras os vermes non maxaron a pouca carne freba que trouxen, non puden erguerme.

Foi unha noite de luar cando sain da cova por primeira vez. Traballiño custoume desentoller as pernas e cando m´erguín e botei a calivera fora da terra, fiquei pasmado... Aquil ollo de vidro que me servira na vida máis que pra non pasar por torto, sírveme agora pra ver...

Tolo de contento quitei ollo, dinlle catro bicos e volvin-o a pôr no seu sitio.

D´un pulo brinquei da cova e fun car´o rueiro d´esqueletes.

Os esqueletes son tan parvos com´as persoas. Abonda decir que non pensan mais qu´en beilar.

Pra min todol-os esqueletes son o mesmo. Pásame n´este mundo de hosos o que me pasaba no outro c´os negros, que todos eran igoales. En troques iles, antre si, coñécense moi ben. Debe sere porque iles son cegos i-eu vexo...

Farto de vel-os beilar com´os osos ô son da "Danza macabra" de Saint Saens afasteime do rueiro e reparei n´un esquelete qu´estaba sentado n´unha campa e que tiñ´a calivera ladeada (eispresión de tristura e melanconía n´este mundo). chegueime a él e fitei como na caixa dos cadriles tiña acochado un esquelete pequerrechiño. Axiña dicateime que era un esquelete de muller e inquirín agarimosamente:

-¿Vostede será algúnha muller das que mataron en Osera, Nebra ou Sofán?

-Non, señor, non -respondeume-. Eu morrín d´unha pena.

Dispois reparei que n´os hosos dos cadriles non tiña ningún buraco de bala.

-Moi fonda debeu sere a pena.-díxenlle.

-Si, señor. Eu morrín namorada do home que apodrece debaixo d´esta pedra.

E ollando a pedra lín un epitafio en verso e pendurado da cruz vin un retrato posto n´un marco de varilla dourada. Era un mozo de bigote arrichado, fumando un puro con anilla.

Non quixen saber máis e funme deitar.

***

N´estes días hoy moitos enterros. Non sei se haberá andacio, pois revolución non debe habel-a co-a cobardía que teñen os vivos. Cicais haxa folga de médicos, anque non coido que os médicos poidan influir na mortandade.

A carón de min enterraron un, e pra sair de dúbidas peteille na sua caixa.

-¿Hay andacio na cibdade?

-¡Eu que sei!- respondeume unha voz coma de home que tivese a boca chea de papas. (Debe ter xa podre a língoa).

-¿E logo vostede non sabe de que morreu?

-¡Eu pegueim´un tiro!

Déronme gans de rir, pero non puden. Os esqueletes non rin á cachón. O bandullo é a fonte da gargallada e sen bandullo non pode habere gargallada.

-¿E logo il haberá folga de médicos?

-Non hay folga, non, pois denantes d´enterrarme un médico arremangado, abríume a cachola c´un serrón.

-Adeos, logo, compañeiro, e que apodrezas con felicidade.

***

Por pasal-o tempo fun ô cimeterio civil. Aí non se beila; alí todo é serio. Cando entrei funme cara un fato d´esqueletes qu´estaban escoitando a leria d´unha calivera que tiña un buraco n´unha sen. As suas verbas tíñaos a todos co-a boca aberta; pero na médea hora que´estiven esoitand-o non puden tansiquera apañar unha idea. Aquil suicida tiña un sô ideal: a República.

Eu no mundo fun un pouco republicano anque nunca pensei que a República fose d´abondo pra gobernar Hespaña.

O que máis me fireu d´aquela xente foi que non quixesen falar galego, ainda sabendo que os esqueletes non poden falar ben o castelán. Non ten volta que darlle: sen gorxa non pode pronunciarse a "j" nin a "g".

Oindo decir que o progreso vai car´a unidade tomei a parola pra decir que o progreso iña car´a harmonía e que se o progreso fose cara isa unidade, antipática, antiestética, antinatural, criminal, por riba do progreso está a perfeición e que nós, os galegos, por un desexo de perfeición e por unha dinidade que xa vai sendo dinidade persoal non debíamos querer que na fala dos nosos abós se eispresase somente a incultura que lle debemos ô centralismo.

N´aquel intre esquecime que non era home nin suxeto de dereito. ¡Ay! Eu xa morrín e non son nada e ainda hei sere menos cando a terra me coma de todo. Comprendendo qu´era no mundo dos esqueletes, volvín a decir:

¿Cómo queredes falar castelán se non tendes gorxa?

Aínda non rematara de ceibar a derradeira verba, cando un esquelete outo e forte turrando por min apartoume d´aquila xuntanza.

-Vostede facer mal falar con oitocentistas.

¡Era un inglés que falaba galego!

Camiño da miña cova fun cavilando que "ser" somente republicano é coma ter a "profesión"de Diputado a Cortes.

Son moi amigo do inglés. Xuntos paseamos moitas veces. Onte saímos do cimeterio e fomos pol-a estrada falando de mil cousas; por certo que un mozo que iña tocando no acordión un paso-doble flamengo, ô vernos, guindou co "escorrenta-porcos" (así lle chamaba eu cando vivía) e fuxeu com´un lóstrego. O inglés e máis eu choutábamos pra botar fora a risa que tíñamos na i-alma.

Voltand´ô cimeterio falamos da terra ¡Moito falan da terra os vivos! Unha cousa é a terra e outra cousa é a paisaxe. Pr´os vivos a terra é unha cousa ben fermosa por certo; pr´os mortos a terra son as tebras. Eu penso que non morreríamos se a terra non precisase de nós pra dar regalia ôs que van nacendo. A terra quer cousas podres pra botar herbiñas e floriñas e lucirse á conta dos apodrecidos.

Seique foi María Guerrero que n´un intre de cursilería e pra engayolar á un fato de galegos parvos, doulle un bico á unha manchada de terra galega. ¡Mellor fora que bicare a codia d´un pino ou a tona d´un carballo! A terra galega metida n´unha ola é com´a terra castelán, poño por caso de comparanza. Os irmáns pinos e os irmáns carballos, qu´ha tragar, a terra ises si que son galegos.

Acabo de descubrir un gran defeuto no inglés. O descubrimento custoume unha fonda pena. Parece mentira que unha i-alma tan ergueita e tan inelixente teña un humor tan pouco noble.

O inglés ven a buscarme cuáseque todol-os días á miña cova, e coma eu son nugallán pra erguerme, el entreténse falando e xogando co esquelte d´un rapaciño que repousa cabo de min.

Ollade que clás de xogo entretiña ô inglés:

Dáballe un guindamazo na calivera ô rapaz e tiráballe con ela ô chán, e dispois poñíase a choutar. O probe do esqueletiño cacheaba á tentas a calivera e dipois poñí-a no seu sitio dicíndolle ao inglés:

-¿Qué mal lle fixen eu? ¡Estéase quedo!

O inglés prometía estarse quedo e axiña volvía á guidarlle co-a calivera ô probe esqueletiño. E así fixo moitas veces.

Eu canto tal reparei arrepúxenme ô inglés, que me respondeu friamente:

-Min divertirme moito. Min sentir non estar no outro mundo para dar ô rillote unha esterlina.

No mundo os obreiros queren as patacas baratas, os labregos queren a suba das patacas, e hay homes que non viven das patacas. Eiquí as patacas non son problema ningún; mais pol-o que fumos no munod respeuto äs patacas, dividímonos en duas castas.

Hay no camposanto un "pataqueiro" que morreu que moreeu cuáseque de fame e que oxe ten mausoleu de mármore. Foi home de gran merecimento na vida; mais agora é insoportabel en forza de coidar que non nacerá no mundo quen-o aventaxe como poeta.

Outro esquelete de mausoleu de mármore foi un "americano" que, farto d´engayolar ôs indios do Chaco con adoas de vidro, morreu en arrecendor de santidade, deixando cartos pra Escolas e Hospitales. O seu mausoleu tan no peruco de todo un símbolo da caridade en figura de ama de cría. Iste filántropo conserva ainda un bisoñé que me fai choutar de risa.

O filántropo e mail-o poeta téñenme moita xenreira. O filántropo dí que o poeta non fixo máis que "macanas" (supoño que quererá dicir versos). O poeta dí que o filántropo fou unha besta, d´isas que

"...sobre o ben e o mal consultan simplesmente o código penal".

O poeta non é ben asisado. Anda sempre pidindo unha calivera emprestada pra recitar o monólogo de Hanlet, e ainda fai outras tolerías máis.

O filántropo non fai nin dí nada que mereza contarse. Sen cartos ten mortas todal-as suas aitividades.

Agora xa sei porqué o inglés tíñame tan grande estima. ¡Xa o vexo...! Pideume emprestad-o ollo; mais eu con moi "aloumiñantes verbas e con moi boas razóns, díxenlle que non llo emprestaba.

Debaixo d´unha cruz de pau mal pintada de ferruxe, repousa un esquelete que, según fala, foi tan desventurado no outro mundo como é feliz n´este.

-Eu era criada de servir -contoume- Anque non era bonita tiña mocedade. Un día caíume un dente e certo demo de señorito qu´andaba facéndome as beiras oferceume cartos pra que fose ô dentista. Mireime no espello e axiña comprendín canto me afeaba aquil portelo na boca, e tanto esgarabellou aquil señorito na miña tolería moza que deixeime agarimar e puxéronme o dente... ¡Ay! aquil dente custoume un fillo; aquil fillo custoume o creto e canto tiña de boa moza. Cain a rolos e atopeime co-a morte, sen saber o que era un traxe de seda nin un grolo de champán. Fea vivin, mallada e batida; agora podo durmir.

Ista sinxela leria deixoume amayado.

Lémbrome que sendo eu rapaz chegou meu pai d´América. O probe non trouxo máis que uns borceguins vellos e un tarro amedeado de bicarbonato; viña enfermo e morreu axiña.

Sempre chorei o fracaso de meu pai que, na miña ademiración de fillo, tiven pol-o máis bó, arriscado, intelixente e forte do mundo enteiro. Aquilas terras lonxanas que zugaron a vida do meu pai foron arreo maldecidas por min. Meu pai era dino de voltar san e millonario.

Onte no rueiro falábamos das nosas vidas e chegoume a vez de contar a miña. Ainda non rematara de contal-a canto un esquelete, d´ises esqueletes que parecen parvos, ergueuse coma un lóstrego e doume tan forte apreta que me rompeu unha costela.

-¡Era meu pai!

Con certo esquelete que trouxo na cachola unha bilblioteca enteira, falamos de moitas cousas e de todas sabe moito o meu amigo. De todas sabe moito menos do que é o humorismo. Cando chegamos nas nosas conersas á tal punto, o meu amigo fai catro ou cinco funambulismos dilosóficos, estudia o humorismo dos grandes humoristas, fuxen as horas e no remate de contas ficamos sen saber migalla do asunto. As veces parece que vai chegar á definción e de súpeto engaella máis o fío.

Un esquelete ten de ser humorista e un esquelete galego moito máis ainda. Un galego é sempre socarrón ou humorista e a socarronería é o humorismo dos incultos así como o humorismo é a socarronería dos cultos. Un esquelete galego que trouxo unha bilbioteca na cahola debía defnir o humorismo e non-o define e según dí non houbo ninguén que o definise aínda.

Eu, que non trouxen mais de tres ou catro libros na cachola, póñolle enxemplos coma istes:

Un rapaciño pequerrechiño escacha unha botella d´aceite nas pedras da rua e o probiño chora... Un home gordo, dend´a porta d´unha tenda, olla ô rapaz e rise. ¿Cal das duas figuras ll´intresa máis ô humorista?

Pol-a porta d´unha irexa saen dous noivos acabados de se casaren. A noiva ¡malpocada! non pode tapar un hinchazo de sete meses. Na porta da irexa hay moita xente. Unha muller gorda abanea o bandullo co-a risa. Un home atafeg´a risa c´un pano na boca. Unha muller torce o fociño pra rire de medio lado. Un home, que ten un libro debaixo do brazo, olla sereo a escea. Unha muller do pobo ten a cara triste. Outra muller, tamén do pobo, enruga o naríz e rosma pol-o baixo verbas coma ista: ¡sinvergonza! ¿Auén d´ista xente é humorista?

Un médico cachea o bacilo de korek no esputo d´un seu amigo e de súpeto ergue a testa, respira forte, acariña o microscopio e dí, suspirando: ¡atopeino! ¿Pode sere este home humorista? Vestir un rapaciño de toureiro ou de militar no antroido, ¿pode ser humorismo?

Direille...direille -contesta sempre o sabio esquelete; e non me dí nada.

Eu ben podía escribir algo sobor da Santa Compaña; mais o pobo galego ficaría sen un misterio n´as noites d´inverno cand´o maxín ferve na cachola com´o caldo no podte. Non; eu calarei coma unha estoa.

O que "anda con mortos" que perd´a côr das meixelas, que´enflaqueza e que morra. A Santa compaña fai falla nas cociñas mornas ô redor da lareira, cando zoa o vento n´as tebras da noite.

Oxe meu pais, c´un lagarto apreixado n´as mans, faloume d´este xeito:

-Teño qu´ir ô S. Andrés de Teixido pra cumplir unh oferta que fixen. A miña i-alma ten que encarnar n´este lagarto e moito tardarei en voltar. Recoméndoche que non deixes de ollo a miña cova e que de vez en cando votes unha ollada ô meu esquelete, pois teño un veciño coxo e pode roubarme unha perna.

Desde fai tempo veño reparando que un home de carne e hoso sae d´unha campa; gabea pol-a parede do cimeterio e foxe car´a cibdade. d´alí á duas ou tres horas volta pro cimenterio ensumíndose n´un decir amén debaixo da terra. A primeira vez que´en tal reparei non queria dar creto ô meu ollo; mais o caso repiteuse moitas noites arreo.

Unha noite púxenme ô axexo agardando que xurdise da terra e fun detrás d´el. Correr corria o condanado; mais eu escorrendome pol-as sombras d´os muros, non quitei o ollo d´enriba d´el. chegou ô burgo máis probe da cibdade e parouse diante d´unha chouza entrando dispois n´ela por unha rendixa da porta. Eu rubín ô tellado e saltei â horta que daba detrás da chouza, e por un buraquiño puden fitar a escea máis arrepiante que poidera maxinarse. Unha lampariña d´aceite alumeaba mornamente a cariña fraca i-encoveirada d´unha rapaza que durmía n´un leito misérrimo. O pantasma chegouse á ela i-estivo unha chea de tempo c´os beizos pousados no pescozo da rapaza.

Cando s´ergueu tiñ´a a boca ourelada de roxo, namentras no pescozo corria un fio de sangue e na pele da sua cariña fraca arrupiaba a brancura da morte.

Aquel pantasma era un vampiro.

No siguente día o fantasma chucho o derradeiro sangue que podía dar a probe rapaza. Cando ainda estaba quente a badalada da unha no campanario da irexa, ouvearon os cans ventand´a morte.

O vampiro sigueu chuchand´o sangue de mais victimas, que iñan morrendo com´as lamparas d´aceite chuchadas pol-os morcegos.

Quixen saber quén fora o vampiro no mundo dos homes e fun lêr o seu nome de bronce no crico mármore da campa. O nome sô abondoume: Fora un canalla que roubaba pra dar regalia ô seu bandullo de porco; dono da xusticia, roubaba dend´a confortabel casa... ¿Pra qué decir mais? ¡¡Era un cacique!!!

Eu quería atopar maneira de darlle morte ô vampiro. Busca por eiquí, cachea por acolá... non puden abranguer n´os currruncos do maxín unha boa iñorma pra matal-o e quixen falar co esquelete que trouxo unha bilbioteca na cachola, pra ver se me daba luces a sua conversa.

-No vampirismo crên moitos pobos e hay moitas probas xudiciaes de aparicións de pantasmas que chuchan sangue das persoas; mais eu penso que non se debe dar creto á semellantes contos. Fuxiron os tempos en que o verdugo queimaba os cadavres sospeitosos de vampirismo e oxe enon se permitirín en ningún país espetar unha estaca no curazón de ningún cadavre.

O meu amigo, cheo de cencia oficial, moqueábase das xentes sinxelas que crên nos vampiros. Eu gardei o meu segredo pra non pasar por parvo e seguín perguntando solermiñamente.

-¿E hay sabios no mundo que crên no vampirismo?

-Hainos. A fundadora da Teosofía fala d´iso e conta moitos feitos d´esta clas. N´o seu libro "Isis sin velo", de sona universal, acolle a esplicación do fenómeno por causas físicas, anque descoñecidas, que empregou a escola hipnótica do francés Picrat. Según ista escola cando un morto aparente estivo moi apegado á meateria e foi na vida un malvado, o corpo astral, envolto no doble etéreo, sae da sepultura con obxeto de mantêr ô físico con sangue que chucha nas persoas vivas, e d´esta maneira perpetuare o estado cataléptico do sepultado. O corpo astral comunica o sangue por un medio que ainda non se coñece; pero esperan qu´algún día o espliquen as cencias psicolóxicas.

-¿E vostede nin tan siquera ten dúbidas?

-Eu, que son home ben asisado, non creo; anque, de certo, fanme cavilar certas cousas, como son as morte aparentes e o feito de habérense atopatdo cadavres que ainda tiñan as carnes moles, os ollos abertos, o coiro sonrosado, a boca e o naríz cheos de sangue, que tamén xurdías das feridas que, por asesinato ou por axusticiamento, lle produxeran a morte.
-¿E de qué maneira se pode matar ô vampiro?

-Pois... pra separar o corpo astral do físico non hay mais remedio que queimar o cadavre.

Non quixen saber mais. Afasteime da miña biblioteca e fun pensando pr´os meus adentros: -Vampiros hainos; pois logo, pol-o sí ou pol-o non, debían queimar á todol-os caciques. Os caciques son capaces de facérense os mortos pra seguir vivindo á conta d´os malpocados".

Eiquí dou por rematad a leutura das memorias do esquelete. As memorias son mais longas; mais co dito abonda pra un decatarse do humorismo do esquelete que tiña un ollo de vidro.

Eu quería decirvos como é o meu humorismo e pra iso botei man dos papeles mercado ô enterrador de cibdade, xa que a semellanza ante o humorismo do esquelete e máis o meu, non pode sere meirande. Os dous temos o mesmo fondo sentimental e no noso espírito, ateigado d´amore á Terra, campa un saudosismo que nunca chegara â mesturarse co-a retórica mediterránea.

Foi Pío Baroja, home de mal-humor, que dixo que fai falla têr gosto anárquico, pois os homes de bos gosto sometne aceptan o que xa está aceptado e que somente aplauden o que xa está aplaudido. Eu, que son galego por mandado do meu sangue, non podería guindar co humorismo herdado de mes abós pra entrar, sen dentes, na mesta confradía de homes de bós gosto, que teñen envenenado o ambente das nosas cibdás.

O meu humorismo, que ven dos labregos e dos mariñeiros (únicos dinos do espírito da Terra) tiña de falar en galego, pol-a Verdade e pol-o Arte.

Eu non teño nada que ver cos chamados humoristas hespañoles, que, pol-o visto, somente son os de Madrid. A guitarra é hespañola, a gaita é galega. Eu son galego com´a gaita. Dende logo eu non podo transixir c´uns homes que se rían do cesante e do mestre d´escola cando na Francia se rían do burgés. Apa e Bagaría son cataláns; eu quero sere galego.

Se o humorismo fose un Arte no que coupesen clasificacións, os humoristas hespañoles figurarían nas partes máis baixas da escada, xa que a sua comicidade de cepa flamenga, xustifica ise desdén que, según Sacha Gutry, sinte tod-o mundo pol-o que o divirte. Eu non pretendo divertir a ninguén; e co dito sobor do meu humorismo abonda pra entrar de cheo no que eu entendo que debe sere a caricatura e o dibuxo humorístico.


II. DIBUXO HUMORÍSTICO

Chámase decote caricatura a todo dibuxo humorísteco; mais eu teño a caricatura por cousa moi diferente do que é o dibuxo humorísteco. Cicais poida serse caricaturista sen ser humorista. A caricatura é un xeito novo de deseño: un Arte que nasceu en Munich á medeados do século derradeiro. En troques pode serse dibuxante humorista sen acollerse á técnica nova nin tansiquera ô impresionismo da liña: os dibuxantes ingleses teñen ainda os ollos postos na Inglaterra de fins do século XVIII.

O humorismo ten a sua capital en Inglaterra. A caricatura ten-a en Alemania. O dibuxo humorístico -tal como eu penso que debe sere- cicais a teña en Francia.

Os ingleses, tendo no espírito o mellor humor do mundo e tendo ademais un dominio grandísimo do deseño, esqueceron, cicais, que todo Arte, coma todo idioma, e movimento que non escacha nunca as suas carauterísitcas nacionaes. Os dibuxantes ingleses, no tocante ô dibuxo, viven enquistados n´un dogmatismo académico que aplaca moito o seu ergueito humorismo.

Eu penso que un humorista dibuxante, coma todo humorista, ten de sere bô psicólogo e pol-o mesmo impresionista. Esplicareime. O dibuxante puro fit´as cousas que aloumiñan a sua retina ou o seu gosto artístico según a Retórica ou a Poética que leve na i-alma, e represent´as cousas vistas ou maxinadas tal com´as veu ou maxinou. As veces o dibuxante puro tamén representa cousas grotescas ou anormales, e non por iso é humorista: no grotesco e no anormal- coma dí un moderno escritor- pode eisistir a estética, pois "a estética é a concencia do Arte, así coma o artista é... a sua vountade". O diubxante humorista fai algo máis: diante da vida o seu senso crítico vai desfrangulladno canto fita e dispois de descompôr e analizar, esterioriza o seu análisis amostrándonos somente os elementos escollidos por il. Ahí tendes porqué, un dibuxante humorista, ten de sere impresionista.

Os dibuxos humorísticos poden sere: fantasías, parodias, sátiras e retratos. Boytando man de verbas alleas pódese decir que os fantasistas crean a psicoloxía, os parodistas coméntana, os retratistas cópiana. E así com´a fantasía non busco o ridículo, senón que o crea, e a parodia busca o ridículo nas esceas da vida (o ridículo que non notaron os personaxes da escea), a sátira poerde a sua carauterística de bô humor e fire coma un coitelo afiado. A fantasía e mail-a parodia poden chegar â ironía; "a sátira garda sempre un ataque ou unha dôr".

Poida que non sexan humorismo nin a sátira nin a ironía; mais con todo coido que diante das mágoas da Terra asoballada, calquera humorista de boa cepa galega ten de convertirse en satírico ou ironista. ¿Cómo, senón, podería manifestar un humorista as suas xenreiras e as suas carraxes? Dous humoristas pensadores, Forain e Abel Faivre, fan chorar co-as suas esceas da miseria espritual de París, e calquera dibuxo humorista francés, apañado na realidade da vida, terá un pouco de miseria espiritual; en troques os dibuxos ingleses abanénase antre un peesimismo burlón e o mais acougado optimismo. Nún país ben gobernado, onde hay d´abondo fartura, os humoristas non choran nin firen; por iso non haberá opitimismo nos humoristas galegos, enraizados na Terra, namentras escoitemos os seus layos de dôr. E velahí tendes a razón do meu pesimismo, un pesimismo qu´eu maxino ceibado.

Non quero falar d´ises malpocados dibuxantes que incan os defectos alleos, d´ises fillos dos vellos e ben esquecidos caricaturistas que din âs persoas ben feitas físicamente -Vontede é guapo; non ten caricatura...

Eu non quero, nin têr ôs meus pés, a qué pense que o grotesco na vida é o deforme. Non; o deforme pode facer rír ôs inconscentes ou ôs malvados.

Na miña primeira mocedade, dina da Casa da Troya, cand´a miña i-alma sofría de xarampón e non pensaba máis que´en sair de tuno tocand´a guitarra pol-as ruas, fixen os primeiros dibuxos pr´"americanos". Acúsome de ser eu quen dou empezo a esas carantoñas porcas, a ises monicreques noxentos, á ise humorismo de taberna que ainda oxe campa na mesma revista pra regalía dos licenciados de Universidade. Abafado de vergonza confésome culpable e renego da miña rimeira mocedade.

O dibuxo humorístico debe sere outo e pra iso ha de furar os nosos sentidos e meténdose no mundo interior domeará os nosos sentimentos axeitand´os ô Ben; d´isa maneira será útil. Diante d´iste Arte non terán razón os evolucionistas que consideran todo Arte com´un xogo atá chegar a opoñel-o á toda utilidade.

Nunca puden decatarme como Taine e outros consideran ô pintor de almas, espíritos i-emocións com´artistas inferiores (e quén di pintor di dibuxante). Iste historiador -mellor que estético-asegura que "son observadores que naceron pra facer novelas i-estudios de costumes e que en vez de ter unha pluma na man teñen un pincel". E qué máis dá facer abalar o curazón humán c´unha pluma que c´un pincel...? Un humorista que non teña habilidade pra escribir ¿porqué non ha de pintar ou dibuxar? Unha comedia ou un drama n´un dibuxo l¿ese d´unha ollada e con iso afórrase atención. O principio formulado por Spencer sobor da economía da forza ten a sua aplicación n´iste caso. Ademais, com´aeispresión do xeito é universal afórrranse as traducións, sempre malas ou impropias. Permitídeme que repita o que dixen xa fai anos: "un piorno que pol-as suas rendixas amostra somente o ceo dí moito máis da fame d´un ano que un "artículo de fondo".

Pol-o que vai dito parece qu´eu non vos son amigo de rír, e trabucado estará quen tal pense. Eu ben quixera que o meu Arte rise con isa risa dos meniños, dos bós, dos sáns e dos felices; mais coma humorista galego, fondamente e sinceiramente galego, teño que afogar as miñas risas diante d´unha verdade que chora.

Eu ben quixera, ben, poder decir con Victor Hugo

"Soyon joyeux, Dien le désire
La joie aux hommes attendris
Montre ses dentes, es semble dire:
Moi que pourrai mordre, je ris."

Mais o meu galeguismo estame sempre dicindo á orella: Ti, que podías rír; morde...

Eu, que xa fai moito tempo biquei pra sempre a Venus de Milo, non ando detrás da Beleza, e no dibuxo, coma na idea somente busco a Verdade, convencido, com´estou, d´o acerto d´aquil vello principio escolástico: Verdade, Ben e Beleza son convertibles.

En todo hay fealdade, se queremos, i-en todo hay Beleza sabendo fitar as cousas. A máis fermosa meniña, de ollos craros e cabelo d´ouro, ten no bandullo moitas baras de tripa e a cousa máis podre, levada ó microscopio, pode donarnos fermosos temas decorativos.

A orientación do humorismo oponse á das outras fases do Arte, que interpretan d´un xeito definitivo, a Natureza. O humorismo interpret´a Vida d´unha maneira sinxela e forte, non somente plástica senón ideolóxica, e así com´a no dibuxo puro a forma é o fin, no humorismo é un medeo pra eispresar ideas.

Os dibuxos humorísticos teñen un outo valere pra Historia, pois debaixo da risa ou da sonrisa repousa un comentario xusto "a Realidade. Ben di un escritor afeito ô novo Arte: "Simpleficada a forma e sintetizada a idea adequire iste Arte o cariz d´un elemento que interven en todol-os feitos soicaes, pra discutilos, aplaudilos ou censuralos, aportando o valor efectivo d´un xuicio que moraliza ou encamiña a opinión".


III. CARICATURA

N´esta derradeira parte empregarei arreo ideas xa espostas por min no Ateneo de Madrid, pois anque xa fai anos d´isto, ainda oxe penso da mesma maneira.

Primeiramente compre que definamos a caricatura decindo que é unha abreviatura do dibuxo.

Os diccionarios todos, e o da Real Academia tamén, siguen trabucando âs xentes, facéndolles crêr que a caricatura é un dibuxo pra facer rír, cousa que pol-o visto consíguese con dibuxar narices longas e pés coma sollas... Poida que no tempo do "Madrid Cómico" os nosos abós estoupasen de risa cos dibuxos de Cilla e Mecachis; mais oxe chegamos á tal insensibilidade por perfeicionamento nerveoso que xa non tempos cóchegas com´os rapaces.

O conceuto craro da caricatura vai entrando pouco a pouco no miolo da aristocracia intelectual e no dos profesionales da liña; pero ainda non tomou posesión de todal-as cacholas cultivadas.

Un pintor do tempo de Apeles deseñou unha figura grotesca e chamoulle "Gryllus" i-esta verba espallouse de tal maneira que se fixo estensiva a todal-as composicións ridículas. Dende entón fixéronse moitos "gryllus" e houbo tamén moitos "gryllistas"; mais a caricatura naceu fai pouco máis de médeo cento de anos.

Xa que os pais do Arte novo non puxeron nome novo tamén ó seu fillo, eu busquei é gábome d´habelo atopado, comprido nome ô Arte vello, chamándolle "gryllismo". Non sexa o conto que se pense que xa que a caricatura herdou o nome, sexa filla do Arte vello...

O culto á liña poida que veña do Xapón ou d´os antigos artistas do Exipto; coma tamén poida que a caricatura sexa unha volta ô arcaismo coa eisperencia do camiño andado; mais eu penso que o sintético na idea trouxo un impresionismo na liña e que a caricatura non é mais que a médea matemática d´as liñas d´un dibuxo empresionista.

Dádeme un bó dibuxo impresionista e por riba d´él calacarei unha boa caricatura. Do dibuxo humorístico naceu a caricatura que non é mais que perfeición ou mellor anda unha síntesis do dibuxo impresionista. O gryllismo deformaba a realidade buscando anormal a fonte da risa; a caricatura sintetiza unha realidade tanxible sen escachar a armonía do conxunto. A caricatura é un Arte fillo de novas ideas, que os críticos aínda non entenden ben, por non axeitarse âs vellas tábuas de valores. Tan novo é iste Arte que ainda non lle cicatrizou o embigo.

Non sempre a caricatura é unha abreviatura do dibuxo ou unha síntesis do impresionismo da liña, obedecendo á leises determinadas. Moitísimas veces, o caricaturista cheo de inspiración, deixa á unha beira a folica dos métodos e das reglas, e fora de toda realidade, deseña arbitrariamente i-empíricamente, pero con acerto, todol-o que se propón. Hay caricatuistas ar Bagaría, por exemplo, é arbitrario anque moitas veces a sua preguiza faino caer no autoplaxio.

O caracaturista, rompendo sempre "a gran armonía do ecuánime", será tanto mellor canto mellor nos dea o seu espírito, empregando a técnica simple, pero dificultosa, dos impresionistas ou dos arbitraristas, pol-o que a caricatura entra n´as izquerdas mais avanzadas do Arte.

A caricatura, fuxindo da sensibilidade feminina, diferénciase das chamadas "Bellas-Artes" pol-a maneira de facer, basada na simplicidade, iso é, na supresión do que non sexa eispresivo.

Dad´o carauter sintético da caricatura non pode ser comprendida por quén, non estea no segredo... Pra saber se un home pode entender a caricatura amostrádelle un cascabel e perguntádelle onde está a sua risa. Se non é intelixente teredes que pintarlle unha naríz e uns ollos. Entón vera-a.

A caricatura escolle os rasgos esencialmente eispresivos e fuxe de tod´o que sexa ausiliar ou accesorio, no que se diferencia iste Arte de todol-os demais. ¿Poderá decirse que ista sequedade esquemática rifa con todol-os credos artísticos? Ora o demo... ¿quén pensa oxe nos credos artísticos? A caricatura non foxe da realidade son as artes que teñen a Beleza por única norma; mais con todo debo repetir que o novo Arte non deixa de sere estético, o que pasa é que identifica a Beleza co-a Verdade. E vede agora como é grande un Arte que ceiba da sona de fealdade á médea Natureza i-en boas costas, moi pol-o baixo á dous tecios da Humanidade.

N´este mundo todo ten caricatura: as persoas, as cousas, a vida. O que pasa é que moitas persoas non teñen retrato e coucas vidas teñen bonitura.

"O verdadeiro obxeto do Arte é a eispresión da vida"- dinos Guyáu. A caricatura coma Arte verdadeiro pode limitarse ô cómico e ô humorístico, según pensan moitos, Dí Croce: "¿Quén determinaría nunca lóxicamente onde testa o cómico co que non é cómico, a risa co-a sonrisa, a sonrisa co-a gravedade e deseñará con liñas precisas a corrente contina en que s´espalla a Vida?

A meu xuicio unha caricatura debe facerse despreceando isa beleza convencional que ten por defeutos moitos elementos d´eispresión que, ô mellor, reflexan unha bela calidade psicolóxica; debe copiarse a actitude e a eispresión d´un intre psicolóxico, a sua idiosincracia, cando se poida; e tod iso co-a mais pequena cantidade de liñas, as indispensables para que se comprenda a eispresión, pois xa se sabe que non é a anatomía, senón a fisioloxía, o que se retrata e o inmóvil, coma non dí nada aforra liñas. Por iso d´unha caricatura sômente debera decirse: Está ben ou mal eispresada.

Non é cousa do outro mundo facer eispresións perfeutamente definidas com´a tristeza e a alegría calladas no prando e na risa; mais é difícil deseñar os pequenos matices da eispresión e as suas múltiples combinacións. A risa franca, aragonesa, que s´enxendra no bandullo (fonte de gargallada) pode sere de "ja", "je", "ji", "jo", "ju" e nada mais, pera xa non así os mil matices d´ista eispresión que algúns fan privativa do home incluidos baix´o novme xeneral de sonriso co-a que se disfrazan sentimentos de importancia, coma a ironía, a maldade, a tristeza, a bondade, a dôr, a loucura e a tolería.

As bágoas de dôr espiritual... son mais dfíciles: podemos tropezar co-as "bágoas de cocodrilo" cos "pucheiros" e co "pranto da legría". N´as bágoas hay moita falsificación, dend´as persoas que carpan pol-os defuntos, atá as que, debruzadas, impan pol-o naríz abaland´o corpo coma un corazón. A fôr meirande e a que se deseña n´unha cara chea de serenidade.

Non quero falar do finximento d´esipresión que a miudo emprega o home e non sempre con mala idea. N´esto é onde se manifesta moito a pericia do cacheador de espíritos. Cand´o artista é bo adiviño do xesto, debe por médeo d´unha aición analítica, presentárnol-o d´un xeito sensible co-a significación que s´esconde ou desfigura baixo a sua maor ou menor complexidade.

E, pois, moi longa a esqueira d´as eispresión enteiras e das médeas, coartas... centésimas e milésimas d´eispresións. ¡Se atá os mortos a teñen! E tamén os montes, as pedras, as casas...

A iste propósito compre relembrar iste dito de non sei que pensador alemán: "Cicais o espítito durma na pedra, soñe na besta e desperte no home".

Na eispresión do naríz fago miñas as cousas d´un humorista inglés : "de frente o punto invariable é o naríz; coller pol-o naríz a un home é collel-o polo médeo de tod´a sua representación e do seu caráuter. A eispresión de perfil está toda ela no naríz, que nos dá co-a sua forma e o seu tamaño o xuicio que lle merecemos ôs demais: á meirande tamaño, meirande consideración social".

Os ollos teñen a eispresión que lle dan os párpados. Demostraríase isto sacándolle a unha persoa os ollos e poñend´os n´un plato: tanto diría un ollo azul coma un ollo negro.

As cexas e a boca son o "clon" da eispresión e a defensa dos nosos defectos morales pol-a movilidade voluntaria que teñen. Pol-o nariz e pol-os ollos ainda se pode coñecer ben âs persoas. Pol-as cexas e pol-a boca pódes ollar arrreo a bondade do avaro, as coitas d´un ladrón, a cencia d´un médico, a honradez d´un abogado, a auteridade d´un xuez, etc, etc. Tamén hay homes bôs que se disfrazan de malos, cicais pra defender a debilidade do seu curazón.

Os bós caricaturistas non han de facer com´os cómicos que saen á escea disfrazados de avaros, ladróns, médicos, abogados, xueces.

Os caricaturistas necesitan coñecer os músculos da eispresión, pois, esquecéndonos do intrés que ten o home en agachal-os seus defeutos, a esteriorización do noso espírito está no engruñamento d´os músculos. "Todo sentimento é un estímulo incitador d´unha aución muscular": así dí unha ley fixiolóxica. E coma as contraicións d´os músculos producen pliegues perpendiculares á sua direición (principio de Camper) podérase representar por médeo de liñas todol-os estados do espírito chegando a i-alma d´as persoas e d´as mesmas cousas.

Non falaremos nada d´as eispresións que obtivo Ducheune no cadavre pol-a contracción dos músculos da espresión, nin tampouco falaremos dos interesantísimos traballos feitos por Darwin.

Sômente abonda coñecer os tres esquemas de Humberto de Superville, pra decatarnos do valore eispresivo das liñas.

E indubidabel que as liñas horizontaes dan sensación de tranquilidade, as oblicuas d´enriba abaixo e de dentro á fora dán-a de tristeza e as d´enriba abaixo e de fora adentro de alegría. Isto é aplicabel ô inanimado.

Para min a caricatura é superior á pintura tradicional. O novo arte, vestido simplemente c´unha sotana de crego, tan moito máis espírito que a pintura tradicional vestida con atramallos de seda i-escarola de gasas. Namentras o neto pensa no futuro a sua abó relembra con impertinencia o tempo da sua groriosa mocedade.

Gabemos e loubemos a pintura tradicional; pero non fagamos pintura tradicional.

A pintura tradicional xa chochea, pero deixa descendencia en dous artes: a pintura pura e a caricatura.

Non sei se me darán creto os homes ben asisados; mais eu teño que decirvos sinceiramente que a pintura tradicional paréceme un mueble antigo namentras a pintura pura, pol-o seu outo valor musical, paréceme unha flor. Pra min o que non sexa a côr pol-a côr é fabricar muebles antigos.

Polo que vai dito non pensedes que a caricatura non ademite a côr. O que pasa è que a côr entra co seu valor eispresivo e aprticipa da simplificación do novo arte.

Aquela proporción de Guillaume Apolinaire

Pintura tradicional - Literatura
Pintura pura - Música

cicais poida trocarse n´esta outra

Caricatura -Literatura
Pintura pura -Música

Pra rematar direivos que cando pida pintarei as sinfonías d´a nosa paisaxe e se teño vida morrerei sendo paisaxista.
Dixen

Pontevedra, 1 marzo 1920


Ir arriba