Cartas de Castelao sobre Nós

- Carta de Castelao ao impresor. Pontevedra, 15 de febreiro de 1931. Publicada en Cuarto adral. pp.164-166.
- Carta de Castelao ao impresor. Pontevedra, 15 de febreiro de 1931. Publicada en Cuarto adral. pp.164-166.


Outras ligazóns
As conferencias da exposición
Revista de prensa sobre a exposición
"Nós": da exposición ó álbum


Volver
Carta de Castelao ao impresor
Pontevedra, 15 de febreiro de 1931
Publicada en Cuarto adral
pp.164-166.


Meu querido amigo: Estiven co-a gripe e ainda ando con ela ó lombo. Quedoume unha neuralxia que non me deixa facer nada. Por eso non che escribín deica hoxe; pero agora fago-o cheo de ledicia, coma un rapás que pon un traxe novo.

Recibín as probas que me mandaches. Supoño que unha está feita con doble tirada e a outra c'unha simple. ¿Ou é que as duas están feitas con doble? Están ben, ben, ben. Fiquei co-a boca aberta e se che digo a verdade parécenme mellor que o orixinal. Leveillas a Iglesias Vilarelle e tamén quedou pasmado. O tono de coor paréceme axeitado e o mesmo papel de coor hoso axuda moito, pois desaparecendo os blancos, eses blancos de cal de parede, faise máis húmedo todo. Penso que imos facer o mellor que se veu por eiquí.

Non podes decatarte de canto estimo a túa axuda n'este caso. A edición do Album foi sempre a miña ilusión; pero sempre pensei n'unha edición de luxo, que para facer unha chafallada non precisei agardar tanto tempo. Todo canto ti dispoñas estará ben. Teño en ti tod'a confianza que se pode ter. E nada máis.

O que o editor se aviñese a facer con doble tirada algúns dibuxos sen aumental-o coste é cousa que che debo a ti, pois ben seguro estou de que o presuposto xa era para un amigo. Como non é choyo meu, sinon d'unha Sociedade, tiña algún reparo en facer aumental-o coste. De maneira que todo saíu ben e verei cumplido un anceio que me chuchaba, gracias a ti.

Coido que quedáramos en que non levaría nin tansiquera unha letra de molde, de maneira que xa me dirás ti o que debo facer, no seu tempo. O prólogo vai firmado co meu nome, cousa que non sei se estará ben ou mal, pois d'eso non faláramos. Somentes dixéramos que a firma miña, que debe levar cada exemprar, non pode ir alí xa que é "unha especie de adicatoria". ¿Estaría mellor unha C, como inicial do meu nome? Pois eso de firmar "o autor" non me parece fidalgo. ti verás.

A tradución en francés paréceme que non ten porqué ir n'unha folla de papel idéntica á dos dibuxos. Si todo ten de ir manuscrito esa folla en letras de molde rompería a unidade. ¿Pareceríache ben meter, solta, en cada exemplar unha folla co-a tradución? Ou simplemente poñela ó final, fora xa do album, antr'a derradeira folla e a cuberta. Xa verás. Eu ainda non conseguín as traducións; pero para eso hay tempo de sobra.

Esas probas que me mandaches téñenme aparvado. Si a ti non te enchen será porque non tés sofrido o que levo sofrido eu vendo reproducidas as miñas cousas sempre. Non fago máis que ollalas.

Por eiquí non pasa nada. O andacio da gripe e o da política, que son duas pestes, enchen todo. Eu xa estou curado das duas.

Xa ves que che escribo en galego. Non-o fixen sempre porque coidei que tanto che daba ou que che daba menos.

Moitas apertas do teu bo amigo.

Castelao

Pontevedra, 15 febreiro 1931

Ir arriba

• • •


Carta de Castelao ao impresor
Pontevedra, 5 de marzo de 1931
Publicada en Cuarto adral
PP. 168-9.


Meu querido amigo:

Dígoche de verdade que estou cheo de contentamento. Endexamáis logrei que un traballo meu me enchese tanto, nin soñado... A edición, como ti a levas, paréceme a cousa máis limpa, máis honrada, máis fidalga, que levo visto. Nada de luxos, eses dourados e plateados tan fachendiscos. Eu tamén teño a seguridade de que vai sere un libro ben bó. Xa vexo -e vémolo todos- o interés que ti tomaches n'este choyo e todos nós cho agradecemos de todo corazón.

Eu encontro todo ademirable e as reproducións, para min, non teñen tacha ningunha. Moita ledicia me dou que as láminas lle gustasen tanto a Sotomayor ¿gustaranlle agora os pés? A min me parece que os pés son a sorpresa n'este album... caro (non lle quero chamar de luxo). Eu xuzgo os dibuxos coma se fosen de outro, pois son d'un Castelao irmán meu que xa se foi, e paréceme que teñen moito arrecendor a pobo (se non queres arrecendor pónlle cheiro).

A idea de varial-a coor dos pés e as razóns que espós non teñen volta. Iglesias Vilarelle toleou ó vel-as probas e xura que é tinta de pruma estilográfica. Xustamente: os pés escuros fan máis señor, máis velaiño, o dibuxo. As láminas fan ben, ben, ben. O mesmo número enriba dalle un xeito... de Museo.

Non che digo máis. Estou tolo e xa non sei qué decirche. Nin azos teño para decidirme a decir cáles son as probas que máis me gustaron.

Telegrafieiche na tarde mesma en que recibín a túa carta.

Mil apertas do teu moi agradecido amigo e algo máis.

Castelao

Pontevedra, 5 marzo 1931.

 
Ir arriba