Arte nova
A CRÍTICA
Falar de arte, o que se di falar de arte é sempre dun xeito ou doutro faguer crítica de arte. Agora, que hai moitos xeitos de faguer critica de arte. 0 xeito máis corrente é pra decir si unha obra está ben ou mal maxinada, millor ou pior feita. Esta crítica pousa nun xuicio de valore, faise comparando a obra con un ideal estético.
Mais agora como hai unha chea de ideales estéticos, esta clas de crítica xa non satisfai senón os correlixionarios do crítico. Pra os doutras escolas non ten valor ningún. Mais ben ten efecto contrario...
No tempo da pirmeira guerra literaria que eu acordo, os verdadeiros modernistas tiñamos a Gómez de Baquero naturalmente por un crítico burgués e filisteo. Abonda que il dixese que unha cousa era boa, pra que a nós nos parecera ruin. Lémbrome ben que unha vez falaba dunha novela crásica xaponesa: «Os corenta e sete Ronins», de Tamenaga Shunsuy, e decía que era unha cousa enfadosa e soporífera, unha lata. Eu, craro, leína. E me non pesou. Era unha das cousas máis cheas de interés encanto sinxelo que teño lido na miña vida. E máis pode que a algús de vos non vos gustara como lle non gustóu a Gómez de Baquero. Depende do costume e máis do criterio estético que ún teña. Por eso, esta clas de crítica está xa descartada.
Nos tempos a que me eu refería fai un istante, estaba de moda crítica «impresionista». 0 crítico espúñanos a súa impresion da obra, quérese decir, as súas reaiciós sentimentales e ideolóxicas frente a ela... Era unha cousa moi interesante como documento prá psicoloxía do crítico. ¿E logo non e interesante saber o que sentía i o que pensaba Baudelaire ou Mallarmé leendo a Edgar Poe, ou Víctor Hugo leendo a Shakespeare? Afellas... 0 crítico falaba de sí mesmo a propósito da obra, mais hai quen pensa que non fala ún nunca sinón de sí mesmo. Anatole France di que o obxetivismo é imposíbel, que sempre o home fala de sí, e nada máis que de sí, anque diga que vai falar doutra cousa por faguer crér os demáis en que, é moi homildiño...
Esta crítica impresionista era a que quería faguer Gómez Carrillo, si ben, en rigore, nunca pasóu da crítica «informativa», que e outro xeito de crítica. Os libros de Gómez Carrillo son niste senso o millor que hai. Teñen unha chea de referencias, de contos, de argumentos de obras, de detalles biográficos que lles dan unha utilidade preciosa prá historia do movemento literario francés nos comenzos do século XX e finas do XIX. Teñen «datos» i esto e o bó que teñen: e coma un Baedeker da literatura francesa...
Hai un xeito máis fondo de crítica que podemos chamar crítica «espricativa» ou eisexética, que trata de desentrañar até o último o senso ideolóxico i estético da obra de arte. Ten a crítica esí feita moitas derivaciós, porque axiña ven a custión da xénese da obra, querse reconstruir o proceso espritual que levóu ó autor a maxinala, e ven o estudio da vida. do autore, como fai Saint-Beuve, e máis o da influencia do medio natural e social en que vivíu, i orixínase a teoría de Hipólito Taine ou a de Guyau...
Mais, fágase cun criterio idealista ou cun criterio positivista, este xeito de facer a crítica e o único centífico, i o único fin que se debe propoñela crítica e abrilas portas e deitar luz na obra de arte, facilitar a xente á comprensión da mesma.
0 MEU PROPÓSITO
Esto é o que quixera facer ca obra de Castelao, con toda a súa obra, ou sexa, con toda a súa arte. Dado que Castelao e un dos poucos que teñen arte súa. Craro está que ésta non e angueira que eu teña feita, nin é tampouco angueira pra un día. Teño documentos pra faguer algo i algo hei ir faguendo co tempo. Mais hoxe pouquiño e o que vos podo amostrar...
Hoxe quixera somentes «situar» a arte de Castelao nun cadro xeneral da arte moderna. Pra esto, tería que faguer un pouco de critica «informativa» sobor da arte moderna, i outro pouco de crítica «eisexética» sobor da obra de Castelao, da súa intención, do que il se propón ó deseñalos monicreques ademirables que neste istante tendes diante dos ollos. Non. E da maneira de espoñela, de realizar nada máis, o cal ten dous aspectos: o seu humorismo e máis a súa técnica.
ESPRESIÓN E CREACIÓN
Imos tomala cousa un pouco atrás, mais non tanto que cheguemos ós pirmeiros principios. Ficaremos máis perto. Veleiquí:
A' arte, ou espresa o que o artista leva dentro do seu esprito, ou simplesmente crea fora dil obxetos, cousas novas, coas que veu enriquecelo mundo engadindo algo ó traballo, creador da Natureza. Hai, pois, unha arte de «espresión» i outra de «creación». 0 distinguilas é fundamental.
Pro, entendámonos ben: a arte crea sempre, aínda cando se non propón senón espresar, aínda entón crea, a espresión. Mais hai veces en que a fantasía, a maxinación creadora parés que traballa ela soia, i entón é cando se dá a arte de «creación pura». Espricareime cun exempro: chamo arte de espresión a «La Chansón d'Automne». de Paul Verlaine; chamo arte de creación a «Máquina de esploralo tempo», de Horacio Wells; é arte de espresión un «Nocturnio», de Chopin; é arte de creación os «Marmurios da selva», de Wagner.
Teñamos en conta que esta división é común a tódalas artes, o mesmo as artes plásticas que á música i á literatura.
Agora temos outra distinción: a arte de creación pode ser imitativa, ou realista, e pode ser inventada e fantasmagórica. É arte de «imitación» ou é arte de «invencion».
0 realismo artístico xa fai tempo que caíu no máis fondo esquecemento. Hoxe sábese ben que a arte non copia, nunca copióu a natureza. Pirmeiramente, porque a natureza se non pode copiar; segundamente porque non todo nos importa na natureza e soio, ún quere copiar o que lle importa.
Da natureza, o artista saca esquemas, esquematiza as cousas, i esta esquematizacion e a que lle dá ás cousas o seu «ser estético» que antes non tiñan. As cousas «volven a seren creadas» de novo polo artista. 0 artista sácaas do mundo real pra levalas ó mundo estético, vainas carretando do mundo da natureza pró mundo da arte. A súa misión é trasfigurala Natureza.
Mais a arte de invención se non conforma co eso; quere darlle a vida a seres novos, que non estaban no plan do Demiurgo; quere fabricar cousas inéditas, imprevistas, insospeitadas. Pra il, a somana do Xénesis fica aberta aínda...
E dígovos de certo que a arte en canto creación fai ó home colaborador de Deus, porque, como di Mallarmé, a arte debe crealo mundo de novo.
Non é istraño que nos nosos días leve camiño de se convertir cada día máis en creación pura.
Veñamos ó contó e falemos somentes da plástica.
CÉZANNE PRECURSOR
Imos ver as máis novas tendencias. Quen abríu o camiño pra tódalas novas invenciós foi o Paul Cézanne. Todo o que hai de novo en arte, veu de Cézanne. Cézanne pertenecía a un fato de pintores que deron en chamar «postimpresionistas». Eles eran Paul Gauguin, que se ispiraba na arte dos salvaxes e dos homes primitivos i até nos dibuxos que fan os rapaces nas paredes; Maurice Denis, que fai grandes composiciós o xeito crásico; o paisaxista flamengo van Gogh, que lle muda as coores ás cousas que pinta pra conquerir efectos novos; e, sobre todo, o gran pre-cubista Matisse do que, os cadros, pró que non teña costume fan rir, mais eu dígovos que é o pintor das grandes adiviñaciós, i asegurovos que o que queira comprendelo cubismo ten pirmeiro, que pasar pola pintura de Matisse. Cuasementes, foi unha natureza morte de Matisse a que a min me abríu os ollos pra comprender a Picasso i a Metzinger.
Cézanne resumía toda a súa arte nunha verba: «realizar». Crear unha nova realidade, percibila realidade atrás das aparencias, descompoñela realidade visíbel pra recompoñela artísticamente, deixala natureza reducida o siñificativo... unha chea de que poden parecer diverxentes, mais que non deixan de seren convertibles.
A cousa é ben sinxela: se queredes regalar un bouquet de froles, non ides ó xardín i arramplades cunha pola da roseira, senón que colledes unha frol deiquí, outra de acolá, outra de máis adiante, e con mais ou menos arte, compoñédelo ramo. 0 ramo se non limita a un pe de clavés, nin de ningunha outra frol: é unha cousa nova, que non había no xardín, e por eso é unha obra de arte.
0 CUBISMO
Seguindo, istes principios, Pablo Picasso, despóis da etapa da «arte negra» e coma desenvolvemento dela, creóu o «cubismo». Trátase aínda de descompoñela realidá nos seus elementos esenciaes, e recompoñela seguindo unha norma arbitraria, inventada. Estes elementos son pra Picasso e prós cubistas ortodoxos Xoan Gris, Braque, Metzinger, elementos de forma. Onde os outros pintores pintan dunha cousa calquera, o que teñen diante dos ollos, o pintor cubista pinta o que se ve e máis o que non se ve. Non dará somentes as superficies, a parte de afora das cousas, senón que quererá dalo volume.
Aos alumnos dunha Academia das Bellas Artes, póñenlle un modelo nun taboado; a vista de todos, i o que ve o modelo por frente., píntao posto de frente, i o que o colle polo lado direito do modelo pinta o lado direito, i o que está pola esquerda pinta o lado esquerdo, que é o que está ollando. 0 cubista non fai esí. 0 cubista dá voltas arredor do modelo pra velo por tódolos lados, considera tódolos planos, fai un análise, reduce cada elemento ó esencial, e logo fai unha composición.
Pensa o cubista que o problema de representar un volume nunha superficie non está resolto coa perspeitiva tradicional. Dixérase que busca unha perspeitiva prás novas dimensiós que se sospeitan no espacio... Non pensedes que é unha tolería... Non vexo por qué as novas xeometrías de Lovatchewsky e de Riemann non habían de lle dar coraxe ás arelas da arte nova. A teoría do hiperespacio estase xa aplicando a mecánica celeste. Os teoremas da xeometría, demóstranse hoxe pra un espacio de «n» dimensiós... Pois ben, un amigo meu tratóu moi seriamente nunha conferencia presentando o probrema de si os pintores cubistas cecáis por unha hipersensibilidade que principiase a se facer notar nos homes do século XX ven efeitivamente a coarta dimensión dos ouxetos. Na solución terían que colaborar a xeometría moderna e máis a psicoloxía supernormal.
Mais eiquí non é esto o que nos interesa, porque sábese da intención artística do cubismo, que é, de certo xeito, a creación pura. Unha das súas derivaciós literarias, que ten por iniciador ó poeta chileno Vicente Huidobro, chámase «creacionismo»,
Tamén no cubismo haí algo de espresión. Mais, en rigore, non é espresión de nada que o pintor leve dentro, sinón que todo está 0 cubista métese na cousa e sacalle a espresión interna que ten; sacado da realidade, todo se saca da cousa esterior que se pinta. se non conforma co que a cousa lle di ó ollo que ve, dun xeito simples, sinón que pon o entendimento inteiro no ollo pra vela cousa.
A ver si vos podo decir qué xeito de espresión é a que o cubismo busca nas cousas:
TRES GRADOS DE CONTEMPRACIÓN
Vamos adispacio. Podemos nós considerar na contempración dunha cousa esterior a nós, tres grados, que podemos chamar, máis ou menos propiamente, mais dabondo, pra que nos entendamos: contempración «realista», contempración «estética» e contempración «intelectiva».
A pirmeira, a contempración realista, busca a realidade da cousa, a súa entidade sustancial, o seu ser. Esta pirmeira clas ou xeito de contempración, pódese deter, pódese conformar coa realidade aparencial da cousa, coa realidade inmediatamente apreciábel polos sensos, en especial polo senso da vista, polos ollos. Entón temos o que a xente chama camúnmente «pintura realista». 0 que máis outo chegóu nela xa, sabedes que foi Velázquez, e de camiño, prégovos que vos lembredes de que Velázquez tiña sangue galego, levaba un apelido galego, Silva, e vivíu algún tempo en Galicia.
Pro, a contempración realista pódese non conformar coa realidade aparencial, e pode andar a ver se atopa a realidade fonda, interna, coma se dixéramos estructural, ou tamén arquitectural da cousa contemprada, i eiquí temos o cubismo.... Pro, non adiantemos.
A segunda clas, ou xeito de contempración, a contempración que eu chaméi «estética strictu sensu» porque as outras duas tamén poden ser estéticas busca somentes o aspecto en beleza sensible das cousas, o aspecto decorativo, prescindindo nelas de todo o que non lle dá ledicia ós ollos. 0 pintor decorativo que non é igual que decorador escolle os modelos máis lindos, i ó pintalos ponos máis fermosos aínda; compón as esceas, docifica as coores e malas luces... Un exempro bó deste xeito é Wateau. Lembrádevos por un istante do «Embarque pra Citerea».
Ben, pois eiquí tendes unha cousa que lles ten sin coidado os cubistas.
A terceira clas é a contempración «intelectiva» que se interesa menos por comprender o que as cousas son en sí, e do que elas sinifican pra nós, do que nos podemos adeprender contemprándoas. Prós que diste xeito ollan o mundo cada cousa é un símbolo, cada cousa val polo que suxire, polas ideas e sentimentos que fai nacer no esprito, pola sinificación allea a ela mesma, que ten pra nós. Tal é a orixe psicolóxica de toda arte simbolista. A historia da pintura está chea de cabo a rabo polo simbolismo. Toda a arte foi simbolista cuáseque sempre; mais pra buscalo eixempro perto de nos, poreivos a Gustavo Moreau... Todos tendes ouvido falar de «Salomé», do «Orfeo». de «Xason e Medeo».
Pois esta tampouco é a maneira de contemprar dos cubistas; mais no meu sentir, esta e a do Castelao.
REALISMO CUBISTA
Fica dito que o cubista e fundamentalmente realista. Busca a entidade sustancial das cousas máis adentro da súa aparencia sensíbel, na súa estructura, na súa construcción interna: busca, coma se dixéramos, a lei de construción da cousa. Pra eso ten que desmonta-la peza por peza como faría un reloxeiro a quen lle dérades a mostra a compor... Ten que descompoñer toda a arquitectura da cousa, e ten que amostrala patente.
I eiquí saille un probrema, o probrema eterno da pintura: o da representación nun Plano, ouxetos de tres ou se cadra de máis dimensiós. Este probrema é de xeometría descriptiva. Prós que se conforman coa realidade aparencial das cousas, este probrema está resolto dende que na pintura se emprega a perspeitiva, ou sexa, en termos xeneraes, dende o Renacemento. Mais a perspeitiva tradicional, a perspeitiva de Leonardo de Vinci non nos dá a lei de costrución das cousas; non nos dá máis que superficies, e pra eso, superficie incompretas. Coas figuras que pintan os pintores tradicionaes, pasa como coa lúa: nunca lle vemos a parte de atrás.
Pra dalo volume tal é coma il é, terían que principiar por estudiar tódalas proieiciós posibles do modelo sobor dun plano... 0 volume é máis que unha superficie pechada: é resistencia, é estructura, é equilibrio, é masa. Falo, do volume real, do corpo; non do volume abstracto dos xeómetras...
Din que xa Alberto Durero, nos seus apuntes i esquises estudiaba o corpo humán resolvéndoo en poliedros. Nesto foi en certo modo un precursor do cubismo. Mais convén adivirtir eiquí porque hai moita xente que anda trabucada nesto que o cubismo non se chama con iste nome porque costruia as cousas con exaedros regulares ou cubos; non: cubismo ven da verba «cubicar» que é como chaman os enxeñeiros á operación de valorar os volumes. Non se quere decir con esto que a maneira que ten de tratalo volume sexa todo o cubismo: fica dito que o cubismo e moito máis.
Resumamos antes de pasar adíante: o cubismo proponse descompoñer a realidá sensíbel nos seus elementos esenciaes, tomando deles soio o siñificativo, pra recompoñela artísticamente según a súa propia lei de costrución.
Arte realista busca a realidade fonda das cousas; arte creadora, procede a un tempo por imitación e por invención; arte xeométrica, non fai caso do decorativo nin do simbolísmo; i en fin, arte das formas e dos volumes, nela o fundamental é o dibuxo.
E sobre desto do dibuxo, imos decir algo moi importante.
DIBUXO E COOR
Efeutivamente, hai duas maneiras de concebir a pintura. Pódea un concebir coma dibuxante, e pódea ún concebir coma colorista. Na pintura tradicional, o que importa é a liña; quérese dala impresión da forma. Esto foi porque a pintura tradicional ten a súa orixe na escultura. Denantes de haber pinturas, houbo estatuas e baixo-releves policromados, e distes pasóuse á pintura mural. A coor era elí, un accesorio e conservóu moito tempo este caractere aínda dempoixas de se haber feito a pintura independente da decoración arquitectónica ó pasardas paredes as táboas medievaes.
As táboas bizantinas e mailas dos primitivos italianos e flamengos, eran dibuxos iluminados. Foi o perfeicionamento da técnica o que, do Renacemento pra diante, preparóu a independencia da pintura. A coor i a lus colléu un valor novo que se adiviña no Greco e máis en Rembrandt, mais que non chegóu a ser comprendido até a aparición do impresionismo. 0 camiño inda era logo, e fíxose moi adispacio.
0RFISMO
Mais nin Claude Monet nin Whistler viviron en balde... As sinfonías en coor de WhistIer foron o anuncio dun arte novo enteiramente: o «Estudio en verde e violeta», o «Nocturnio en negro i ouro», o «Nocturnio en azul e prata» son das cousas máis definitivas do gran mestre inglés. Tiñan que dalo seu froito. E dérono. Coesa vacilación da mocedade novecentista antre as diversas tendencias artísticas que cada día descobren novos mundos que son novas terras prometidas, fóronse revelando os «órficos» i os «sincromistas»: Piccabbia, Kupka, Morgan Russell, van Dongen i outros moitos déronse a facer «pintura pura».
Orfismo, pintura pura, e decir independente do asunto, da anatomía, da natureza, do volume, da forma, do dibuxo.
Algús sincromistas inda teñen asunto: eu vin un «Interior» de Morgan Russell i até «Academias» doutro sincromista, e sabede que unha das cousas ás que os novos teñen guerra, decrarada, e as figuras ispidas... Nesto imos dacordo coas Señoras da Boa Prensa e de represión da Trata de Brancas.
Mais os verdadeiros órficos pintan cadros sin asunto. Fan pintura pura.
Sostén o Orfismo que a pintura non ten máis fin que recrealos ollos. A súa intención e polo tanto decorativa. Achámonos no segundo grado de contempración que dinantes deixamos sinalado. Pro pensan que pra recrealos ollos, lles non compre pra nada o dibuxo. Non querendo espresar nada, non querendo ensiñar nada, a nada veñen as formas. A pintura debe ser somentes coor. 0 deseño non sirve pra nada. Toda intención realista, espresiva ou docente é allea á arte pictórica, e cousa que se lle añade, que se lle sobrepón corrompendo a súa pureza... Un cadro non debe representar cousa ningunha: coores dispostos i arranxados de maneira que dé gusto velos, e nada máis. Esí, no mesmo Madrid, naquela vila refractaria a toda novedade, Mme. Delaunay decoróu o Petit Casino nada máis que con discos coloreados.
Xa non hai eiquí probremas de perspeitiva nin de volumes, xa non hai que ouservar nin que estudiar proieiciós, nin se pensa en estructuras, nin en leises. Eiquí sí que demos ó fin coa creación pura, coa pura invención, coa libérrima fantasía. ¿Cómo? ¿A arte fíxose ó fin independente de todo intelectualismo?
AY non; inda non! Fica aínda un probrema, o máis difícil de tódolos probremas: o probrema do ritmo... Nono imos tocar agora nos. Pra lle tomala embocadura nada máis, teníamos que faguer un curso inteiro,...
Porque a pintura órfica é eso: ritmo, ritmo puro. Apesares das concomitancias que teñen os uns i os outros, o orfismo e o contrario do, cubismo. 0 cubismo é o dibuxo integral, e na historia da pintura é, polo tanto, unha tendencia retrógrada. É unha volta ó baixo-releve. A proba, dánola un cubista español, Xoan Gris, que conseguíu o seu efeito, máisimo cun cadro tallado en pau... Por eso o cubismo é tan interesante na escultura. Á plena realización desa arte opúñase ó superficialismo crásico. As estatuas cubistas teñen o máis de forma conseguida até os nosos días. Até hoxe, a escultura non tiña máis que superficie: agora ten estructura.
Mais no que toca é pintura, é o orfismo i o sincronismo o que ten porvir. Seguindo, ese camiño, a pintura chegará a conseguir efectos como os da múseca.
E xa temos dous dos vértices do triángulo da plástica moderna. Fállanos un.
RECAPITULACIÓN
Recapitilemos pirmeiro, pra recoller un istante as ideias fundamentaes que deixamos espostas:
Diferenciamos pirmeiro na arte, a «espresión» i a «creación», vimos que a creación era ou «imitativa» ou «inventiva». Dixemos que a «arte nova» levaba camimño de ser creadora e inventiva. Siñalamos a Cézanne como o «precursor» de toda a arte nova. E vimos coma dos seus principios derivábanse duas direiciós diverxentes, o «cubismo» i o «orfismo». e coma cada unha delas correspondíase cun do dous pirmeiros grados dos tres que ten a contempracion artística das cousas do mundo, a saber: «realista» ou sensitiva, «estética» ou decorativa, e «simbólica» ou intelectiva.
Vimos que á pirmeira correspondía o cubismo, i o orfismo á segunda. Agora imos ver cál é, antre as manifestaciós da arte moderna, a que corresponde terceira.
Pra min non colle dúbida: esa arte e a «caricatura».
A CARICATURA
A caricatura e a arte que corresponde ó terceiro xeito de comtempración: é a arte simbolista por escelencia. Hémonos convencer delo coas verbas do mesmo Castelao.
Castelao fixo sobor da caricatura unha parola no Ateneo de Madrid, e tena pubricada co título de «Algo acerca de la caricatura». Nela fala da caricatura moderna, i estabrece ben a distinción antre ela i o que hastra fai pouco se entendía por caricatura...
Mais enantes de entrar na súa teoría, fagamos un pouco de historia. A caricatura principióu por sere unha variedade da «arte grotesca». A arte grotesca, fose satírica, ou sinxelamente cómica, colléu plenitú de vida na Edade Media, dende os derradeiros tempos da arte románica, mais principalmente, no período gótico. 0 humorismo é fillo do esprito romántico, supón unha concepción pesimista i aínda tráxica da vida, e se non podía dar ben nos tempos crásicos...
Por eso é na Edade Media que aparecen eses monicreques rídiculos ou oscenos das gárgolas e dos mosteiros eses frades padricando cunhas longas orellas de burro, ou montados a cabalo, cun bandullo inmenso e cun xamón i unha bota de viño de cada lado da alforxa, cando non levan na besta, detrás ou didiante, unha boa moza coa saia refucida i a carranchaperna...
Entón como agora, a intención satírica desviaba a caricatura do seu verdadeiro camiño. Aquil humorismo, como o de moitos humoristas dos nosos tempos, non era humorismo puro.
Onde se comenza a adiviñar que a caricatura había ser, é nos Países Baixos, nas fantesías verdadeiramente terribles de Breughel o vello, e por riba de todo nas táboas de Xerónimo Bosco. No Museo do Prado hai unha «Adoración dos Reises», do Bosco, na que a caricatura ten xa toda a tensión simbólica i humorística que a distingue hoxe. O rei negro leva na man unha caixa, e na tapa hai un paxaro comendo unha fruta, dunha espresión tal de ironía, dun humorismo tan fondo, que non hai nada semellante na arte de tódolos séculos. Os paxaros ebrios que picotean os astros da poesía de Guillaume Apollinaire fican moi atrás...
Mais, eu ter teño como a concepción suprema do humorismo medieval a Danza Macabra.
Cecáis esto vos pareza estraño, porque o concepto do humorismo anda por ahi adiante subvertido. I o humorismo non vos é leria...
0 HUMORISMO
0 humorismo e a cousa máis seria que hai do mundo. 0 humorismo en arte e o supremo. Non chegan a il senón os espritos verdadeiramente superiores. Somentes nunha civilización moi traballada é posíbel. E pra ser humorista compre máis que nada ser forte, compre ser valente.
0 humorismo é un privilexio das razas do Norte: os casteláns, os andaluces, os italianos, os gregos, non teñen humorismo. Téñenno os ingleses, témolo, nós. É o contrario do que pensa moita xente a quen lle teñen, os ouvidos cheos co, «sal» andaluz... Dunha vez pra sempre compre deixar sentado que ise «sal» non é a «gracia», e moito menos o «humor».
Sen nos meter en fonduras, a pouco que analizásemos, toparíamonos con que ese «sal» de que tanto se fala non e máis que facilidade de palabra. Moita verbosidade, falar moi apresa, resposta rapida en xunto: viveza verbal. A gracia non e eso; a gracia non e viveza de palabra, senón viveza de pensamento: a gracia nona ten o que fala apresa, senón o que fala adispacio. Mais o «humor» é unha disposición espritual que esta a cen codos por riba do sal e máis da gracia.
0 humor non e o humorismo, anque sexa a disposición espiritual que o fai nacer. 0 humorismo ven sere o humor intelectualizado sendo o humor máis ben unha disposición afectiva enxendrando unha filosofía i unha estética.
Xa deixéi dito que o humorismo é fillo do esprito romántico, i envolve unha concepción pesimista i aínda tráxica de vida. Ven da loita interior que enche toda ialma romántica, que ó contempralo dualismo irreductíbel e fatal da vida, síntese esgazada e ferida no máis fondó, sen remedio e pra sempre...
Os pobos unilateraes, e simplistas, coma son o xudeu i o castelán, inacesibles as contradiciós, incapaces de concebir o pro i o contra viven alleos ó conflicto romántico encourazados non de sapo, e non teñen humorismo. Por eso, de toda a Hespana, non hai humorismo máis que en Galicia. Si efectivamente hai humorismo verdadeiro no «Quixote», eu nono sei por que nunca o leín con atención dabondo, si efectivamente hai humorismo verdadeiro no «Quixote», digo, lembrádevos que Miguel de Cervantes tiña sangue galego polo pai e máis pola nai.
0 lugar de Cervantes donde trai seu apelido paterno, non teño que vos recordar que está na provincia de Lugo, e Saavedra, avemaría purísima, se non é galego enxebre...
Eu hastra penso e pódia que non vaia moi descamiñado, eu hastra penso si o humorismo non será a aititude que tomámolas razas célticas pra levar con resinación a Cruz que Deus nos puxo riba do lombo.
O QUE DI CASTELAO
Ben. Como ibamos decindo, a caricatura desprendeuse definitivamente nos nosos días da, arte grotesca. Castelao ten coidado de adevertilo na conferencia dita: esprica cómo a caricatura non é a eisaxeración do ridículo co fin escrusivo de facer rir, sinón a supresión do inespresivo, despreciando en todo caso a beleza convencional, que ten por defeitos moitos elementos de espresión...
Castelao procrama a independencia da caricatura, dicindo dun xeito terminante que se distingue das chamadas artes belas até pola eleición dos asuntos. 0 concepto que il ten dela poderíase resumir en duas verbas: «simprificación espresiva».
Coesto fica dito que a caricatura, pertenece á arte de espresión inda que sexa, no meu concepto, e cecáis tamén no dil, a máis a creadora das artes de espresión.
Agora queda por demostrar como corresponde ó terceiro, xeito de contempración artística. Efeitivamente: o mesmo Castelao, di que a caricatura é un arte de «esprorador de almas», e que aínda os mortos teñen espresión, e tamén o inerte, Os montes i as pedras das nosas casas; mete o caricaturista COS pintores de almas... Nefeito, a súa arte é sempre arte intelectual «clínica en forza de ser consciente» -según as súas verbas... Non vos teño que insistir nesto, porque tendes dediante unha chea de deseños seus nos que vós leendes coma nun libro. Sabendes ben o que «quere dicir» cada un. I estas verbas «quere decir» indican xa que cada monicreque ten o seu simbolismo. Son follas coma se foran dun libro, escrito en figuras, en troques de estar en letras. Cada detalle, nun deses papeis representa unha ideia ou un sentimento ou un matiz ideolóxico ou sentimental. ¿E non é a esto o que se chama arte simbólica?
Dixen enantes que a contempración intelectiva, interésase menos por comprender o que as cousas son en sí, que polo que elas sinifican pra nós, polo que nós podemos adeprender ó contempralas... Pois ben; hai sobor desto unhas verbas moi reveladoras na repetida conferencia de Castelao: «Un hórreo di que polas fendedelas mostre somentes o ceo, di máis da fame dun ano que un artigo de fondo». Veleiquí está o simbolismo: ese hórreo é o que se chama un «símbolo»: un ouxeto que representa ou, suxire unha ideia.
0 PROCEDEMENTO CARICATURAL
É a simprificación espresiva, o que, nós tiñamos chamado o principio esquematización, e que habíamos dito que era a que lle daba ás cousas o seu «ser estético». Mais esta esqumatización, esta simprificación espresiva, non somentes escólle, non somentes fai unha seleición dos rasgos espresivos, sinón que os acentúa, que lles dona releve estético..
I eiquí é onde, o meu ver, entronca máis craramente a caricatura coa escola de Cézanne. Sempre téremos que atopar iste nome nos comenzos de toda modernidade... 0 gusto que tiñan os postimpresionistas por imitar os dibuxos dos salvaxes e dos nenos arte, esencialmente simbolista, arte ideoplástico por escelencia, arte sempre esquemática éverdadeiro, caricaturismo... caricaturismo no seu verdadeiro concepto. Os nenos e mailos salvaxes non imitan modelo ningún: non pintan as cousas, sinón a ideia simprificada que eles teñen das cousas: eiquí ben perto de nós, no penedo, do Polvorín por baixo da Torre de Hércules ou de Breogán, hai unha mostra do arte dos homes primitivos. Nela, unha raia horizontal e catro verticaes por pernas, chegan pra representar un cabalo; unhas cruces chegan pra representar unhas mulleres beilando. Non se pode dar maior esquematización. Á arte que procede deste xeito chámaselle «ideoplástica». Á que pola contraria, copia rigurosamente o modelo que ten diante dos ollos, chámaselle «fisioplástica». A pintura de Velázquez é, polo tanto, fisioplástica. A caricatura é sempre i esencialmente ideoplástica. Os post-impresionistas tamen o foron.
Como tendencia artística, e pra millor caracterizala, podemos chamar a caricatura o «ideoplastismo». O chamala eisi ten outras ventaxas. Non somentes comprende, e trai baixo o dominio da caricatura pura outras tendencias artísticas do día: sintetismo, vibracionismo, post-impresionismo, arte negra, etc., sinón que o nome, pola virtualidade máxica pra min indudábel de certas verbas podería aínda dar lugar á creación dunha escola nova, angueira prá que nós seríamos os máis doados anque eu penso que na nosa terra estea chamado a un gran porvir o orfismo e máis o sincronismo.
En resume, o proceso da pintura moderna e un proceso de disociación dos seus elementos: a pintura pura tende a se separar, a se arredar cada día máis da pintura intencionada ou ideoplástica: a coor tende a se separar do dibuxo. Cada elemento busca a súa independencia. Temos esí que a disociación da arte pictórica faise seguindo tres direiciós diverxentes que se diferencian non somentes nos probremas que se propoñen resolver: probrema da estructura, probrema do ritmo, probrema da espresión, sinón tamén nos efeitos artísticos que buscan, os cuaes correspóndense como vimos os que presentamos como grados da contempracion do real, contempracion do decorativo, contempración do siñificativo. Vimos que o cubismo busca un efeito de realidade, 0 orfismo un efeito decorativo, 0 ideoplastismo un efeito simbólico.
Atopado o terceiro vértice, o triángulo fica compreto.
I a arte de Castelao fica tamén coesto «situada», ou sexa posta no seu sitio, dentro do cadro xeneral da arte contemporánea. É o ideoplastismo, arte de espresión, arte intelectual por escelencia, clínico en forza de ser consciente... Tan simbolista que se axuda dunha verdadeira simbólica da liña, que o seu autore comenza a esbozar na súa tan citada conferencia. Tan humorista que chega ás veces á abstración case metafísica. Tan espresiva que algús deses papeis que temos diante son verdadeiras monografías nunha soia páxina...
0 temperamento humorista é o temperamento filosófico levado, ó cume da agudización, feito istinto estralúcido. Somentes coel se pode chegar a esa comunión no sangue da Terra a que Castelao chegóu: o sangue de Galicia porque évos certo, a Terra ten sangue e ten alma tamén coma nós, o sangue de Galicia trasfundíuse nas veas do seu grande artista; e no miolo lúcidamente visionario de Castelao, tódalas condiciós esvaídas, tódalas amarguras fondas, tódalas arelas escuras que latexan no subconsciente da raza, tódolos milleiros de cousas que dormen na concencia subliminal de Galicia figuéronse craras, patentes, tomaron ideia e ímaxe, i o grande artista foinas pictografiando, foi eternizando no papel os hieroglifos da ialma galega...
I agora, eu dígovos: ese fondo eu, esa concencia subliminal da Terra Nosa dorme na subconscencia de cada un de nós: se, como Castelao fixo conseguimos nos despertarlo no fondo da nosa ialma e, facelo falar, entón veremos cantas cousas ten Galicia que lle decir ó mundo, e levaremos dentro de nós a forza que compre prá angueira máis outa que un fato de homes poida acometer nesta vida: crear un pobo. E si esto facemos, convertíremonos en obreiros da máis grande obra que o futuro garda prás novas xeneraciós: a Civilización Atlántica... que ha ser creada por homes da nosa raza.
Eis o que tiña que decirvos hoxe.
|